A CONSTRUCIÓN DE VIVENDA PROTEXIDA DEBE SER PRIORITARÍA NO DESENVOLVEMENTO DO PXOM
Paz Abraira dixo que o PP non está para nada preocupado pola promoción de vivenda pública
O BNG lembra que existen prazos para que se desenvolvan os plans de actuación nas bolsas de solo destinadas á promoción de vivenda pública
Lugo, a 5 de febreiro de 2013. A edil nacionalista Paz Abraira sinalou que no plan xeral, aprobado por PP e PSOE, existen zonas con bolsas de solo destinados á construción de vivenda pública. Para o BNG resulta prioritario que as administracións poñan a disposición das persoas vivendas, para que todo o mundo poida acceder a unha vivenda digna independentemente do seu poder adquisitivo. Abraira sinalou que todo o mundo debe poder acceder ben en compra o en aluguer a unha vivenda. Para isto compre que o concello desenvolva o planeamento das zonas destinadas á promoción de vivenda pública e que a xunta execute a construción destas vivendas. Para o BNG a prioridade do concello ten que ser dotar á xunta de solo público para a construción de vivenda protexida.
Abraira referiuse á iniciativa tratada no pleno do concello no que se abordaba o planeamento que debe facer o concello de Lugo a partir da agora tanto no ámbito urbano como na zona rural. A posición do BNG a este respecto está clara a pesares de que PP e PSOE aprobaron un PXOM que foi rexeitado polo BNG pero que agora está aprobado e vai comenzar a desenvolverse. Paz dixo que o PP está preocupado unicamente polas persoas que queren construir unha vivenda en autopromoción pero non os vemos tan preocupados pola construción de vivenda pública para as persoas que non poden mercar un terreo e construir unha casa. Pero, segundo Paz Abraira, o PP non quere oir falar desto por que acaba de reducir todas as partidas destinadas a creación de vivenda pública e dende a Xunta de Galiza non van facer políticas destinadas a axudar á xente neste senso.
O concello de Lugo conta, no PXOM, con dúas bolsas de solo de caracter urbanizable destinado ao 100 % á promoción de vivenda pública. Na zona da Croa, situado entre Albeiros e as Gandaras, existe un terreo, cunha superficie de 129.000 metros cadrados, que ten un prazo de 2 anos para desenvolver o seu planeamento a través da iniciativa pública. Outra das zonas é a coñecida como S3R que conta con 304.500 metros cadrados, situada entre Albeiros e as Gándaras, e que ten 6 anos para desenvolver o plan parcial de promoción pública. O concello de Lugo xa tería que ter iniciado o planeamento desta zona para poñelo a disposición da Xunta de Galiza para a creación de vivenda pública segundo Abraira.
Zona do novo Hospital
O BNG esixe tamén que se acometa o planeamento na zona de novo hospital para poder dotar de servizos o entorno do HULA xa que non podemos ter en Lugo unha dotación como esta totalmente aillada e na que o seu entorno esté baldío. Neste caso o terreo destinado a vivenda protexida sería do 55 % e hai un periodo de 4 anos para desenvolver o planeamento. Existe outra zona, que precisa dun plan parcial de iniciativa pública, no Sagrado Corazón, por riba do núcleo de Burozos, paralelo á vía do ferrocarril, e que ten dous anos para desenvolverse. Esta zona conta cun 40 % de solo destinado á promoción de vivenda protexida.
Vivendas para as persoas desafiuzadas
Paz Abraira remarcou que, dende a Xunta, acábase de anunciar que dentro da bolsa de vivenda protexida, que xa está construida, van a destinar unha serie de pisos ás persoas que son desafiuzadas. Esto implicaría que algunhas das persoas que forman parte das listas de demandantes de vivenda protexida, máis de 800 no concello de Lugo, van ter que quedar sen dereito a esa vivenda por que se van a destinar a algo para o que non estaban previstas. Abraira suliñou que hai que buscar vivenda para as persoas desafiuzadas pero non se pode deixar sen ela ás persoas que están agardando para poder acceder a unha vivenda protexida. O grupo de vivendas que se construen na zona de Albeiros non se adxudicaron nin se remataron de construir.