CONTINUA A PARALISE NAS XESTIÓNS PARA DOTAR A LUGO DUNHA ZONA PÚBLICA DE BAÑO AFIRMOU PAZ ABRAIRA
O BNG presentou, como ven facendo periodicamente, unha pregunta na comisión de Medio Ambiente sobre as xestións do goberno municipal para a creación da zona de baño no río Miño
Abraira acusou a Orozco e a Besteiro de enganar aos lucenses coa zona de baño e de defraudalos permitindo a instalación da gasolineira de Carrefour
Lugo, 27 de xaneiro de 2015. A voceira do BNG no Concello de Lugo, Paz Abraira, reiterou hoxe que o BNG vai seguir presionando ao Concello de Lugo para que se poñan a traballar na creación dunha zona pública de baño no Río Miño. Logo da celebración da Comisión de Medioambiente de onte, onde os nacionalistas levan meses preguntando polas xestións realizadas, a voceira do BNG volveu constatar a parálise do concelleiro socialista Luis Álvarez e do alcalde Orozco nas xestións necesarias para que esta demanda sexa unha realidade no verán de 2015.
Paz Abraira afirmou que para o BNG a actitude que estan a manter os socialistas é absolutamente inxustificable. Non é de recibo que de maneira reiterada as respostas sexan que non hai ningún avance. Para a voceira do BNG o que non hai é ningunha capacidade para sacar adiante ningunha inicativa necesaria para este concello. O BNG non vai desistir e vai a seguir presionando para que Lugo conte este verán cunha praia pública de baño afirmou Abraira.
Para o BNG trátase dun desprezo dos gobernos da Deputación e do Concello de Lugo cara os veciños e veciñas de Lugo. Para Paz Abrarira dixo que Orozco e Besteiro, que tanto presumen de darlles participación aos lucenses, engananos coa zona de baño e defraudanos permitindo a instalación da gasolineira en Carrefour.