COSME POMBO: "AO PP A ÚNICA GANDEIRÍA QUE LLE IMPORTA É A DA PRAZA DE TOUROS DE PONTEVEDRA
O cabeza de lista pola provincia de Lugo di que o PP é o Partido do Paro porque desde que goberna Feijóo en Galiza hai 113.000 parados máis
O Corgo, 8 outubro 2012.- O cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego ao Parlamento Galego pola provincia de Lugo, Cosme Pombo, afirmou hoxe que para poñer a este país a producir e crear emprego o que hai que facer é botar da Xunta a Feijóo e ao seu xefe Rajoy, dixo. Nun acto público no Corgo Cosme Pombo dixo que o único contacto coa gandeiría que teñen Rajoy e Feijóo é cando van ver unha tourada á praza de touros de Pontevedra, esa é a única gandeiría que lle importa ao PP.
O cabeza de lista do Bloque por Lugo dixo que o obxectivo do BNG para sacar a Galiza da crise é poñer o país a producir. O agro, o sector lácteo, o sector cárnico ten que poder producir e os gandeiros e labregos deste país teñen que cobrar un prezo xusto polos seus produtos, porque é un sector económico básico na provincia de Lugo, é o que move a economía desta provincia, defendeu.
Por contra, dixo Cosme Pombo, o PP de Rajoy e de Feijóo só se preocupa polos touros da praza de Pontevedra, pero non polas vacas deste país. A nós, aos do BNG, o que nos preocupan son as vacas de leite e as vacas de carne galegas. Dos touros o único que dicimos é vaia lástima de bois!, afirmou.
PP significa Partido do Paro
O cabeza de lista do Bloque pola provincia de Lugo chamou ao PP "Partido do Paro" e afirmou que os datos de desemprego demostran que as políticas de recortes do Partido Popular "non levan a ningún sitio. Cosme Pombo calificou de mentirán a Feijóo por ter prometido en 2009 acabar co paro en 45 días e deixar a Galiza tres anos despois con 110.000 parados máis. O cabeza de lista do Bloque por Lugo explicou que cando Feijóo chegou á Xunta había 162.000 persoas en situación de desemprego, cando hoxe son xa máis de 275.000. Na provincia de Lugo, dixo, a día de hoxe máis de 25.000 persoas están sen traballo, cando hai tres anos eran 17.000.