VEIGA DENUNCIA QUE OS ORZAMENTOS DO ESTADO DECRETAN A MORTE DA LEI DE DEPENDENCIA

VEIGA DENUNCIA QUE OS ORZAMENTOS DO ESTADO DECRETAN A MORTE DA LEI DE DEPENDENCIA

Fronte ao desmantelamento dos servizos sociais promovido polos gobernos do Partido Popular, a Vicepresidencia da Deputación asina convenios con colectivos en risco de exclusión para garantir os seus dereitos

O vicepresidente da institución provincial denuncia que a Xunta de Galiza leva máis dun ano sen recoñecer a ningún dependente

“O eixo central das políticas do Partido Popular é recortar dereitos a todos os cidadáns excepto ás grandes fortunas”

Lugo, 8 de outubro de 2012. “Os orzamentos do Goberno de Mariano Rajoy para 2013 decretan a morte da Lei da Dependencia”, así de contundente se amosou o vicepresidente da Deputación de Lugo e delegado de Benestar Social e Deporte, Antonio Veiga, durante a rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, celebrada hoxe, na que contrapuxo o compromiso do goberno provincial en materia de servizos sociais co da Xunta de Galiza e o Executivo estatal.

Antonio Veiga recordou que en Galiza existen 25.000 persoas que teñen recoñecida a dependencia pero que non perciben ningún servizo nin axuda económica por parte da Xunta de Galiza, agás os facilitados polos concellos no marco do Servizo de Axuda no Fogar. “O problema é que esta cifra incrementarase nos vindeiros meses co recorte de máis de 300 millóns de euros que establecen os orzamentos xerais do Estado para 2013 o que, ao mesmo tempo, agravará a situación de moitas familias”.

“Continúan deste xeito –puntualizou o delegado provincial de Benestar- os ataques do Partido Popular aos dependentes; ataques que se iniciaron coa reforma da Lei da Dependencia que obriga aos dependentes a pagar entre o 74 por cento e o 92 por cento do servizo que reciben e coa supresión da cotización á Seguridade Social para os familiares coidadores.  É intolerábel que os dependentes con ingresos inferiores aos 600 euros, que son a maioría, teñan que asumir unha porcentaxe tan elevada do custo do servizo. A fin de todos os gobernos do Partido Popular é asfixiar aos traballadores e traballadoras e mermar a calidade de vida de colectivos que precisan dunha especial atención”.

Para Veiga non é casual que a Xunta de Galiza anunciara estes días, xusto en período electoral,  que o recoñecemento da dependencia farase en seis meses. “Trátase dunha nova promesa do Partido Popular que, se gaña, volverá a incumprir porque leva máis dun ano e oito meses sen recoñecer a dependencia aos galegos e galegas afectadas”.

Fronte a falla de compromiso e o recorte de dereitos ás persoas dependentes e aos seus familiares, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo segue apostando de xeito decidido polos servizos sociais. Neste senso, o vicepresidente da institución provincial deu conta da sinatura de varios convenios con colectivos sociais por importe de 45.000 euros cos que se apoia o funcionamento de programas especiais para promover, fomentar e garantir a inclusión social, así como mellorar a calidade de vida dos colectivos menos favorecidos. Dous deses convenios asináronse co colectivo ALIAD ULTREIA (Asociación Luguesa de Información e Axuda ao Drogodependente) para sufragar os programas DONAS e PREPARADOS, LISTOS XA!, un terceiro coa entidade APNED (Asociación de Pais e Nais de Nenos con Discapacidade da Mariña de Lugo) por valor de 13.000 euros, grazas ao que a asociación poderá seguir prestando o servizo ambulatorio, e un cuarto convenio para mellorar e reforzar as habilidades laborais das persoas con enfermidade mental asinado con ALUME (Asociación Lucense de Axuda a Enfermos Mentais) por 12.000 euros para o desenvolvemento do Obradoiro de formación prelaboral para persoas con enfermidade mental.

VEIGA DENUNCIA QUE OS ORZAMENTOS DO ESTADO DECRETAN A MORTE DA LEI DE DEPENDENCIA