DEBE SER A PRIMEIRA VEZ QUE UN GRUPO DA OPOSICIÓN CONCITA A TANTA XENTE INDIGNADA" DIXO ANTÓN BAO
Sobre as preferentes Bao dixo que os populares non queren asumir as responsabilidades políticas derivadas das súas decisións sobre cuestións que atentan directamente contra as persoas
O voto do PP no pleno de onte é un non definitivo da xunta ao futuro de Alimentos Lácteos concluiu Antón Bao.
LUGO, 7 de maio de 2013. O voceiro do BNG no concello de Lugo, Antón Bao, fixo unha valoración do pleno municipal celebrado onte no que chamou a atención sobre a presenza de diferentes colectivos que interviron e asistiron ao pleno afectados por decisións políticas procedentes, na súa maioría, do partido popular. Debe ser a primeira vez que un grupo da oposición concita tanta xente indignada polas súas decisións políticas con estas palabras Antón Bao referiuse aos afectados polas preferentes, ás persoas afectadas polo decreto que converte o IES das Mercedes nun centro integrado de FP, aos traballadores de Alimentos Lácteos e a todos os colectivos sociais que traballaron a prol de que o edificio do Hospital de San Xosé manteña o seu uso público.
Bao criticou a actitude dos populares que intentaron vetar debates políticos democráticos, nunha institución, sobre cuestións que afectan a veciños e veciñas deste concello. Sobre a actitude dos populares Bao dixo que non queren asumir as responsabilidades políticas derivadas das súas decisións sobre cuestións que atentan directamente contra as persoas. O voceiro nacionalista dixo que as decisións do partido popular inciden, tamén, na supresión de servizos públicos e esto afecta na vida da xente.
Sobre o debate xurdido sobre a estafa das participacións preferentes e subordinadas o voceiro do BNG dixo que demostrouse claramente que o PP pretende eludir a súa responsabilidade e acusou aos populares de situarse nunha clase política que está á marxe da cidadanía. Para o BNG quen avala co seu voto unha estafa ten unha clara responsabilidade política e tense que someter á indignación e á reprobación da xente que está a sufrir esa estafa. Bao dixo que as persoas que nos adicamos á política somos cidadáns que formamos parte dunha organización política pero non unha clase política allea ao que ocorre ao noso arredor
Antón Bao tamén se referiu á situación da firma Alimentos Lácteos concluindo que o voto do PP onte no pleno é un non definitivo da xunta ao futuro de Alimentos Lácteos. Ao pleno acudiron, onte, media ducia de persoas que forman parte do comité de empresa. A situación de Alimentos Lácteos afecta a uns oitenta postos de traballo e sobre todo a unha parte importante do tecido económico da comarca e do país en xeral.
Aportacións económicas aos grupos políticos
A preguntas de xornalistas, Antón Bao, respostou sobre as aportacións económicas que o concello de Lugo destina, nos seus orzamentos, ao funcionamento dos grupos políticos. Bao sinalou que o BNG acredita nun modelo no que as asignacións económicas aos grupos políticos sexan públicas e transparentes. Bao lembrou que, no caso do BNG, os propios cargos públicos fan aportacións económicas, dos seus salarios, á organización política á que representan. Bao contrapuxo este modelo a casos como o Gurtel ou ao reparto de sobres polo que tamén está sendo investigado o PP.