A FUNCIONARIZACIÓN DE TRABALLAORES DO CONCELLO DE LUGO FOI UNHA DEMANDA HISTÓRICA DO BNG
Os nacionalistas anunciaron o seu apoio ao proceso que iniciará o concello para converter en funcionarios aos laborais
LUGO, 28 de marzo de 2013. O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego dará o seu apoio ao proceso de funcionarización de todos os traballadores e traballadoras laborais do concello de Lugo. Para o BNG é fundamental, neste momento máis que nunca, apostar dende as institucións pola consolidación do emprego público. Segundo Paz Abraira cando o Partido Popular está botando á rúa aos funcionarios compre invertir este proceso de degradación dos servizos públicos. O BNG considera prioritaria a creación de emprego de calidade e correctamente remunerado e, segundo Paz Abraira é unha obriga, nestes tempos, asegurar os dereitos laborais do persoal do concello.
O BNG leva tempo reclamando que se poña en marcha este proceso de funcionarización. O primeiro paso deste proceso xa está dado ao ser aprobado por unanimidade de todos os grupos na Comisión de Alcaldía e Participación un trámite previo ao debate e votación no Pleno que celebrará en abril a Corporación municipal. Este proceso supón a transformación en persoal funcionario dos 144 postos de traballo fixos do Concello que agora son persoal laboral.
O concello de Lugo sufre os avatares exacerbados por unha lei de estabilidade orzamentaria que, de xeito inxusto e arbitrario, trata por igual a todos os concellos independemente da súa situación económica, territorio ou necesidade de prestación de servizos. Isto lastra posibilidades de adaptación de recursos ou de cubrir necesidades de persoal, o cal incide nas escasas posibilidade de ampliar os servizos públicos que presta o concello.