O GRUPO PROVINCIAL DO BNG REXEITA A CONTINUIDADE DUN RÉXIME INCOMPATÍBEL CUN SISTEMA DEMOCRÁTICO
Coa abdicación do xefe do Estado no seu fillo, estamos ante un cambio de facianas, un cambio que para nada resolverá os problemas que padecemos no noso País sentenciou Mario Outeiro
Dende o BNG non cremos que a alternativa sexa un novo rei, senón unha república galega, un novo modelo que dea cabida ao espírito transformador, indignado e rebelde da sociedade
Lugo, 2 de xuño de 2014. Tras coñecerse a noticia da abdicación do xefe do Estado español no seu fillo, o Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego quere manifestar, unha vez máis, a súa oposición ao actual réxime monárquico e denunciar a manobra que pretende garantir a súa continuidade, nuns momentos en que este réxime está a ser posto en cuestión. Neste sentido, Mario Outeiro, portavoz do BNG na Deputación de Lugo, referiuse á monarquía como un réxime incompatíbel cun sistema democrático, un réxime vitalicio e hereditario estabelecido pola graza de Deus e que supuxo, no caso español, a continuidade co Franquismo e precisou que non se pode consentir a existencia dunha institución cuxos máximos referentes son a Constitución e unidade da Patria española e da Coroa, e que ignora os lexítimos desexos de soberanía dunha parte importante da sociedade.
A nosa nación está a vivir momentos moi difíciles no marco dunha profunda crise económica ao mesmo tempo que asiste a un proceso de recentralización política que non fai senón minguar a capacidade da Galiza para decidir sobre si mesma, sobre os seus sectores produtivos, en definitiva, sobre o seu futuro. Momentos difíciles que se encadran tamén nunha non menos profunda crise do sistema político español, que atinxe a todas as institucións que o conforman, nomeadamente a monarquía, entidade que veu funcionando como principal elemento simbólico dun sistema político que nos nega como nación e que impide o noso libre desenvolvemento como pobo.
Neste sentido, Outeiro sentenciou que non podemos eloxiar o papel dunha institución cuxo discurso asume as posicións políticas máis reaccionarias en temas clave do actual debate político e social, como son a futura configuración do Estado español, o debate sobre o marco constitucional e as medidas lexislativas e de goberno adoptadas para saír da crise económica que manteñen no desemprego e no sufrimento ás maiorías sociais, sobre quen recae o custe que conleva o mantemento da devandita institución.
Segundo explicou o portavoz provincial do BNG, coa abdicación do xefe do Estado no seu fillo, estamos ante un cambio de facianas, un cambio que para nada resolverá os problemas que padecemos no noso País. O que a Galiza precisa é liberdade e capacidade para decidir, precisamos soberanía. E nese espazo verdadeiramente democrático, onde se garanta o dereito de autodeterminación dos pobos, non ten cabida ningún rei.
Dende o Bloque Nacionalista Galego non cremos que a alternativa sexa un novo rei, senón unha república, un novo modelo que dea cabida ao espírito transformador, indignado e rebelde dunha sociedade, que na súa maioría, nos últimos comicios, amosou a súa repulsa a un sistema obsoleto e acabado. Cremos en Galiza, na nosa república, na república galega, concluíu Outeiro.