PARA O BNG O PLAN DE ACTUACIÓN DA TINERÍA SERVIRÁ PARA QUE UNS POUCOS FAGAN UN GRAN NEGOCIO

PARA O BNG O PLAN DE ACTUACIÓN DA TINERÍA SERVIRÁ PARA QUE UNS POUCOS FAGAN UN GRAN NEGOCIO

IMG_4689Paz Abraira dixo dixo que “hai que estudar os restos arqueolóxicos existentes na zona antes de decidir cal vai ser a actuación a realizar na única zona virxe que queda dentro do recinto amurallado”

Os nacionalistas reclaman que se rehabiliten as casas da Tinería en vez de escondelas con novos edificios

O BNG presentará todas as semanas un escrito, dirixido á Comisión de Medio Ambiente, para que se efectivice a construción da praia fluvial

Lugo, 3 de xuño 2014. O BNG presentou unha serie de consideracións dentro prazo aberto marcado pola Xunta de Galiza en relación ao PERI  da unidade de intervención 7 na zona da Tinería. Paz Abraira dixo que “consideramos necesario elaborar un estudo de impacto ambiental detallado e rigoroso onde se teñan en conta aspectos tan relevantes como os achados arqueolóxicos, a necesidade ou non de construír novas vivendas, a necesidade de rehabilitar todas as edificacións do casco vello, a creación de novos espazos públicos de calidade no casco histórico e incluso a demanda dun novo colexio dentro de murallas”. Para o BNG eería preciso realizar todas as escavacións e facer público o seu contido antes de analizar solucións concretas.

A voceira do BNG sinalou que “non queda nada claro cal é a finalidade deste PERI”. Abraira lembrou que “en goberno anteriores, cando o BNG dirixía a consellería de vivenda, fíxose unha excavación arqueolóxica dos terreos propiedades do IGVS. Dende o momento que o BNG saiu do goberno da Xunta nunca se fixeron públicos os resultados desas excavacións”. “A ausencia de información sobre o resultado das escavacións arqueolóxicas realizadas sobre o terreo propiedade do IGVS máis próxima á muralla limita de raíz calquera tipo de valoración sobre o propio PERI” dixo Paz Abraira. A este feito hai que sumar outro de extrema gravidade como é a non existencia de escavacións arqueolóxicas sobre os terreos nos que a día de hoxe se asenta o aparcadoiro ao ar libre existente.

Analizada a documentación cargada na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pódese comprobar, segundo explicou Paz Abraira, como o documento de inicio do PERI sometido a consulta pública carece de información básica, pois a memoria do documento non analiza os efectos ambientais que terían as construcións propostas nin o efecto real sobre o patrimonio construído, entre o que cabe destacar non só a muralla.

Outros dos problemas que non soluciona a proposta do PERI é o das volumetrías. Observando os perfís non queda claro que as alturas propostas vaian mellorar a contorna, fóra de tapar traseiras a día de hoxe inmundas. O problema, para o BNG, non está en tapar as traseiras senón en mellorar claramente o seu estado seguindo un programa de rehabilitacións que poña en valor o impresionante patrimonio arquitectónico da cidade de Lugo.

A memoria do PERI en ningún caso xustifica a necesidade de construír uns edificios que é moi probable que acaben rachando coa harmonía dunha zona pegada á muralla. Abraira afirmou que “nun momento no que se está falando de que hai tantas vivendas baleiras, seguimos apostando por construír moles de cemento (non sabemos que modelos de edificios se van construír) e non por recuperar o que temos”. E por riba toda a vivenda protexida que se proxecta vai a conta do IGVS, é dicir, de todo Lugo, excluíndo claramente aos dous propietarios privados que non renuncian a nada nin nada aportan ao conxunto.

Unha iniciativa mensual para que se efectivice a construción da praia fluvial

O BNG vai presentar, esta semana, a primeira iniciativa ante a comisión de Medio Ambiente para que se faga efectivo o acordo plenario tomado onte en relación á praia fluvial. Paz Abraira anunciou que “dende o BNG presentaremos a todas as Comisións da Medio Ambiente unha iniciativa para que se efectivice a construción da praia fluvial”. Abraira lembrou que “todas as iniciativas que se trasladaron ao Pleno, en relación á praia fluvial, foron feitas polo BNG”.

PARA O BNG O PLAN DE ACTUACIÓN DA TINERÍA SERVIRÁ PARA QUE UNS POUCOS FAGAN UN GRAN NEGOCIO