MÁIS DE 300 FAMILIAS E 528 RAPACES E RAPAZAS RECIBEN A ATENCIÓN DO PROGRAMA DE EDUCACIÓN FAMILIAR

MÁIS DE 300 FAMILIAS E 528 RAPACES E RAPAZAS RECIBEN A ATENCIÓN DO PROGRAMA DE EDUCACIÓN FAMILIAR

O programa de Almorzos Saudables desaparecerá, probablemente, no vindeiro curso tras a aprobación da reforma da Lei de Administración Local

 

O BNG presentou unha serie de cuestións relacionadas co desenvolvemento do programa Almorzos Saudables que o concello desenvolve nos centros escolares de Lugo

 

IMG_2733Lugo, 24 de febreiro de 2014. O Grupo municipal do BNG no concello de Lugo presentou unha serie de cuestións para a súa resposta nas comisións, celebradas hoxe, de servizos sociais e participación cidadá. As preguntas do grupo nacionalista estaban relacionadas co desenvolvemento do programa Almorzos Saudables que o concello desenvolve nos centros escolares de Lugo. A edil Cristina Ferreiro dixo en referencia aos  Almorzos Saudables que “o BNG tiña o ánimo de mellorar este programa que consideramos de interese” mais “atopámonos co alarmante dato de que un total de 321 familias e 528 rapaces e rapazas reciben atención dos servizos sociais dentro do programa municipal de educación familiar”.

Ademais, segundo explicou a edil nacionalista, a concelleira de servizos sociais deu conta da posible desaparición do programa de Almorzos Saudables para o vindeiro curso. O concello non podería desenvolver este programa debido á aplicación da, recentemente aprobada, Lei da Administración Local que lles retira aos concellos todas as competencias en educación. Ferreiro dixo que, en relación a deixación de funcións nesta materia do goberno galego, que “a Xunta non fai nada e o goberno do estado impídelles aos concellos intervir”.

Cristina Ferreiro, en nome do BNG, insistiu na necesidade de revogar esta Lei que fará inviable moitas das actuacións que os concellos están a levar a cabo en materia de servizos sociais e educación. “A cidadanía precisa do apoio das administracións que lles son máis próximas” dixo Ferreiro e engadiu que “como sempre os maís perxudicados das políticas do PP serán aqueles que xa teñen máis carencias e menos recursos”.

Almorzos saudables?

Os nacionalistas propuxeron, a través das súas iniciativas que o concello dirixise unha parte dos recursos desintados ao programa Almorzos Saudables para cubrir as necesidades daqueles cativos que acuden aos centros escolares sen nada de comida para o almorzo da media mañá. Ademais, o BNG solicitou información sobre as características nutricionais dos alimentos que se dispensan neste programa do concello. Tamén se interesaron as nacionalistas sobre se as familias reciben información complementaria ou o programa Almorzos Saudables somentes se limita ao reparto alimentos de determinadas marcas comerciais entre os estudiantes.

MÁIS DE 300 FAMILIAS E 528 RAPACES E RAPAZAS RECIBEN A ATENCIÓN DO PROGRAMA DE EDUCACIÓN FAMILIAR