Máis de vinte queixas non chegan á Comisión municipal de Queixas e Suxestións
Maite Ferreiro manifestou a súa preocupación polo funcionamento desta comisión á que se lle ocultan escritos que presentan veciños e veciñas e dirixidos especificamente á comisión
É preocupante que se perdan queixas dos veciños e non cheguen á comisión que precisamente foi creada para garantir o tratamento das mesmas dixo Ferreiro
Lugo, 18 de febreiro de 2016. A edil do BNG Asembleas Abertas, Maite Ferreiro, reclamou información sobre un importante número de escritos rexistrados e dirixidos á comisión de queixas e suxestións do concello que non chegaron a ser tratados na mesma. Maite Ferreiro cifrou en máis de vinte as queixas que non chegaron á comisión pese a ser presentadas no rexistro municipal en tempo e forma. Moitos destes escritos estaban relacionados con queixas veciñais por ruídos sufridos dun establecemento situado no número 18 da rúa Castelao, e pola falta de actuación policial sobre o caso.
Todos os grupos da oposición presentes manifestaron a súa sorpresa e cuestionaron o funcionamento da comisión tras ver a denuncia feita pola edil do BNG Asembleas Abertas. Maite Ferreiro preguntouse se sirve para algo a comisión se non se lle fan chegar todas as queixas que as persoas rexistran e que van claramente dirixidas á mesma. A edil nacionalista culificou como moi graves os feitos pois demostran que hai papeis que quedan paralizados nos caixóns e que non chegan ao seu destino por que a alguén non lle interesa.
Trátase dunha situación moi grave por que demostra que, a pesares de que existen mecanismos para mellorar as cousas que non funcionan neste concello, o goberno municipal non vixía o bon funcionamento destes cauces e deixa indefesas as veciñas e veciños dixo Maite Ferreiro. Na comisión esixíuselle ao goberno local que localice estas queixas para que poidan ser tratadas na vindeira xuntanza da Comisión de Queixas e Suxestións na que están representados todos os grupos da corporación.
Unha vez visto o que pasou hoxe, preguntámonos cantas queixas e suxestión non terán chegado á comisión e cales son as razóns para que non cheguen finalizou Maite Ferreiro que pediu maior rigor, traballo e seriedade a este goberno municipal para evitar que esto se volva a producir.