MILITANTES DO BNG AUTOINCÚLPANSE DE PARTICIPAR NAS PROTESTAS CONTRA MERKEL E RAJOI

MILITANTES DO BNG AUTOINCÚLPANSE DE PARTICIPAR NAS PROTESTAS CONTRA MERKEL E RAJOI

IMG_7177Con esta acción os nacionalistas amosan o seu apoio aos 5 responsables do BNG contra os que foron abertas dilixencias xudicias por participar nas protestas durante a visita de Ángela Merkel

Entre os 5 denunciados pola policía española figura o militante do BNG de Guitiriz Afonso Losada

Lugo, 29 de xaneiro de 2015. Simpatizantes, militantes e cargos do BNG presentarán a súa autoinculpación ante o xulgado que abriou dilixencias contra varias persoas que o día 25 de agosto de 2014 participaron en mobilizacións contra a presenza en Santiago de Compostela da chanceler alemá Angela Merkel e do presidente do goberno español Mariano Rajoy. As persoas que conforman o Consello Comarcal do BNG amosaron hoxe, ao comenzo da súa xuntanza, a súa solidariedade cos compañeiros Paulo Carballada, Afonso Losada, Rubén Cela, Paulo Carril e Xavier Aboi.

Dende o BNG significouse este xesto de autoinculpación como elemento simbólico de apoio colectivo aos compañeiros denunciados, mais tamén para evidenciar que o BNG como organización se toma a serio este ataque ás liberdades públicas. Entre os 5 denunciados pola policía española figura o militante do BNG de Guitiriz Afonso Losada que é membro do Consello Comarcal do BNG de Lugo. Ademais tamén aparecen denunciados os voceiros municipais do BNG nos concellos de Santiago e A Coruña.

Xa asinaron a súa autoinculpación todas as persoas que forman parte do Consello Nacional do BNG e, no caso de Lugo, as pertencentes aos consellos local e comarcal ademais dun bo número de militantes e simpatizantes. “A protesta contra a da chanceler alemá Angela Merkel e o presidente do goberno español Mariano Rajoy, é a repulsa da xente contra os responsábeis directos de políticas que teñen provocado empobrecemento, desemprego, miseria, emigración e degradación dos servizos públicos para amplas capas do pobo galego” afirmou Esther López.

Segundo informou a reponsabel comarcal do BNG de Lugo, Esther López, “as dilixencias contra os 5 membro do BNG foron incoadas após a denuncia realizada o 29 de agosto de 2014 por axentes da Policía Nacional española en Santiago de Compostela, mediante o atestado número 9768/2014, que relata uns feitos que non se axustan á realidade do que aconteceu, para alén de non seren constitutivos de ningún ilícito penal”.

Para o BNG ”esta acusación forma parte dun proceso involutivo, tamén do punto de vista democrático, coa intención de eliminar a contestación social”. Esther López sinalou que “vemos como estes ataques van  dirixidos, especificamente, contra o BNG, a CIG e o nacionalismo galego, que están a ser os alicerces da resposta social e política na Galiza”. A responsábel comarcal do BNG informou que os escritos de autoinculpación serán presentados no Xulgado nº2 de Compostela o vindeiro 13 de febreiro, ás 11.00 horas, no marco dunha concentración convocada por este motivo perante o edificio de xulgados.

MILITANTES DO BNG AUTOINCÚLPANSE DE PARTICIPAR NAS PROTESTAS CONTRA MERKEL E RAJOI