OLALLA RODIL DI QUE O BNG É O PEQUENO COMERCIO DO PAÍS E O PP AS GRANDES SUPERFICIES QUE ARRASAN
A número tres da candidatura do BNG reclama axudas europeas para a modernización do comercio tradicional e de proximidade, que crea emprego e riqueza nas nosas cidades e vilas
Sarria, 22 de maio 2014. A número tres da lista do BNG ao Parlamento Europeo, Olalla Rodil, afirmou hoxe en Sarria que o BNG representa ao pequeno comercio deste país, igual que o PP representa ás grandes superficies que arrasan con todo. Con este simil, a candidata do Bloque, participou nun acto en Sarria xunto coa parlamentaria nacionalista, Ana Pontón, o voceiro do BNG en Sarria, Xerman Árias, e a representante da Plataforma das Preferentes, Digna Lagarón, explicou que BNG e PP representan modelos económicos e urbanos contrapostos e defenden en Europa intereses distintos.
Olalla Rodil calificou de esencial o pequeno comercio como creador de riqueza e emprego nas vilas e cidades galegas e pediu axudas europeas para a modernización do comercio tradicional e de proximidade. Pediremos que nos fondos de cohesión que van vir para o periodo 2014-2020 haxa unha liña de axudas específica para a innovación, a calidade e a modernización do comercio tradicional. Cremos que é importante cambiar o enfoque dos fondos de cohesión neste momento para apostar non tanto polas grandes infraestruturas como polas iniciativas e sectores que poden crear postos de traballo, defendeu.
Tamén lembrou que o BNG presentou iniciativas tanto en Bruxelas como no Congreso dos Deputados en contra da subida do IVE a determinados produtos que lastran a supervivencia de moitos negocios deste país, como as perruquerías, porque cortar o pelo non é un artigo de luxo, denunciou.
Por contra, preguntou que fixo o señor Millán Mon, teoricamente pontevedrés, polo sector do comercio desta cidade?, preguntoulles Olalla Rodil, que asegurou que o PP beneficia coas súas políticas e as súas decisións ás grandes superficies comerciais en contra do pequeno comercio. Igual que o BNG defende aos pequenos labregos e gandeiros deste país e o PP aos grandes terratenientes como a Duquesa de Alba ou a familia do propio Arias Cañete, comparou.
Alguén de vós viu algo dos 41.000 millóns de euros de rescatar os bancos?
A número tres da lista do Bloque preguntou aos presentes se viron algún deles algún dos euros entregados aos bancos para rescatalos cos cartos de todos, nada máis e nada menos que 41.000 millóns de euros, que en vez de acabar na economía produtiva serviron só para engordar as contas de resultados dos propios bancos, criticou. Por contra, dixo, os autónomos, as pequenas empresas e os comerciantes deste país seguen afogados por falta de crédito e financiamento.