A OPOSICIÓN DO CORGO DEMANDA UN PLENO EXTRAORDINARIO SOBRE A RESTRUTURACIÓN DO IES AS MERCEDES
O BNG presentou unha convocatoria de pleno extraordinario conxunta co PSdG-PSOE, e apoiada por un conxunto de pais e nais, que para que se trate de lograr a mellor solución á problemática que isto xerou para as familias do Corgo
Esta convocatoria de pleno extraordinario, que asina toda a oposición, vén apoiada tamén polo conxunto de pais e nais de alumnos do Corgo que estiveron a recoller sinaturas para esta finalidade
O grupo municipal do BNG no Corgo cre que o goberno municipal debe intervir ante unha situación que afecta ao alumnado do Corgo xa que se verán desprazados das Mercedes a outros institutos que están por concretar
O Corgo, 11 de abril de 2013. O BNG do Corgo, conxuntamente co PSdG-PSOE, presentou unha convocatoria de pleno extraordinario para abordar, con urxencia, o proceso de conversión do IES As Mercedes en Centro Integral de Formación Profesional (CIFP), o que na práctica supón o desprazamento para outros institutos de arredor de 200 alumnos e alumnas, entre eles 70 do Corgo, e 28 profesores de ESO e Bacharelato, tralo malestar e preocupación que está xerar esta problemática entre os pais e nais do alumnado. A Lei Reguladora das Bases do Réxime Local no Artigo 46 (Título V, Capítulo primeiro) establece que, Así mesmo, o Pleno celebra sesión extraordinaria cando así o decida o Presidente ou o solicite a cuarta parte, cando menos, do número legal de membros da Corporación, polo que este pleno extraordinario pódese considerar xa convocado, ao apoialo máis da cuarta parte dos concelleiros que fan parte da oposición (3 BNG e 1 PSdG-PSOE)
Tal e como expuxo o portavoz do BNG no Corgo, Mario Outeiro, esta conversión afecta a arredor de 70 alumnos e alumnas do Corgo, que actualmente cursan os seus estudos de ESO e Bacharelato no IES As Mercedes e contan con servizo de autobús e comedor, veranse desprazados cara outros institutos sen que a Consellaría de Educación teña informado de cales van ser. Non entendemos esta maneira de actuar da Consellaría e compartimos o malestar xerado tanto na dirección do centro coma entre os docentes e no alumnado e as súas familias xa que esta decisión non foi nin anunciada nun momento oportuno (case cara finais de curso) nin se tivo en conta para nada a todo o conxunto da comunidade educativa que vai verse afectada, tanto docentes como alumnado. Ademais, a Consellaría de Educación non deu explicacións concretas sobre cal será o destino tanto do profesorado coma do alumnado que está a cursar as ensinanzas que se suprimen e cara que centros da cidade se van a redirixir.
Para Mario Outeiro, é un tema fundamental que se debe abordar nun pleno extraordinario xa que afecta a moitas familias do noso Concello e as forzas políticas estamos para defender aos nosos veciños e veciñas, polo que desde o BNG cremos imprescindíbel que esta problemática se debata no vindeiro pleno.
O portavoz do BNG concluíu que esiximos unha implicación na procura dunha solución para o alumnado do Corgo que realiza os seus estudos obrigatorios e Bacharelato no IES As Mercedes, porque debemos escoitar as demandas das familias afectadas e actuar defendendo os intereses do noso pobo. O grupo político que represento así o fará porque consideramos que esta situación vén motivada pola falta de interese e desprezo que o PP ten cara o ensino público, sendo capaz de xerar todo este malestar sen consultalo nin sequera antes coa comunidade educativa.