PAZ ABRAIRA DIXO QUE "OROZCO É RESPONSABLE POR ACCIÓN OU POR OMISIÓN"
O BNG pídelles ás direccións do PP e do PSOE que tomen medidas, dentro dos seus respectivos partidos, cos imputados na trama Pokemon
Abraira pediulle á cidadanía que cando vaian a votar teñan en conta o que está pasando por que ese é momento no que a xente ten a súa responsabilidade
Lugo, a 3 de febreiro de 2014. O BNG de Lugo, ante o levantamento parcial do segredo de sumario da operación Pokemon, pediu unha vez máis a dimisión do alcalde pola súa imputación xudicial. Abraira lembrou que o BNG xa abandonara, no seu momento, o goberno municipal pedindo a demisión de López Orozco pola súa imputación nesta trama de corrupción. A voceira nacionalista pediu axilidade á xustiza para aclarar cales son as reponsabilidades de cada quen e dixo que as acusacións sobre o alcalde son graves e importantes.
Paz Abraira dixo que Orozco é responsábel por acción ou por omisión. A voceira do BNG sinalou que será o xulgado o que teña que determinar as responsabilidades por acción pero Orozco debe de presentar a súa dimisión polas responsabilidades por omisión, políticas, evidentes xa que quen foi a súa man dereita no goberno do concello durante moitísimos anos tecía e destecía a seu gusto primeiro no concello de Lugo e posteriormente na CHMS. Abraira afirmou que ningunha persoa sobre a que pesen acusacións deste tipo pode seguir á fronte dun goberno. O BNG insiste na necesidade de que o actual alcalde presente a súa dimisión e no caso de non facelo para que o seu partido e seu secretario xeral, o sr. Besteiro, adopte as medidas necesarias para que o Orozco non siga ao fronte do goberno desta cidade.
Neste momento o concello de Lugo está totalmente desatendido e Paz Abraira sinalou que o PSOE está máis preocupado das imputacións que pesan sobre o seu alcalde que en atender o goberno dun concello, no que gobernan en minoría. Para o BNG este tipo de tramas de corrupción están a ter un efecto debastador sobre o concello de Lugo e ten efectos moi negativos sobre os veciños e veciñas que están a sufrir o desgoberno do seu concello.
A edil nacionalista lembrou que no BNG calquera cargo que resulta imputado presenta a súa dimisión inmediata, independentemente de que se salvagarde a súa presunción de inocencia. Abraira pediulle á cidadanía que cando vaian a votar teñan en conta o que está pasando por que ese é momento no que a xente ten a súa responsabilidade por que para o BNG serán finalmente os cidadáns quenes terán que valorar estas cuestións cando vaian depositar o seu voto en calquera proceso electoral.
Altos cargos do PP de Lugo, Santiago e Coruña
Abraira referiuse tamén ás implicacións de altos cargos do partido popular en Lugo, que aparecen nomeados no sumario e que, "ao parecer tamén mantiveron xuntanzas cos responsables das empresas desta trama". Tanto o voceiro municipal do PP no concello de Lugo, Jaime Castiñeira, como o presidente provincial do populares, X. Manuel Barreiro, aparecen entre os investigados nesta trama por manter contactos con reponsábles das empresas implicadas. Abraira afirmou que o papel dos partidos estatais, tanto PP como PSOE, é moi semellante na súa resposta ante este entramado. Abraira pediulle tamén responsabilidade ao PP por que o que pide no concello de Lugo non o pide en Santiago nin en Coruña onde existen tramas, polo menos, tan importantes como a de Lugo.