O PP E O PSOE ACORDARON PROHIBIRLLE A INTERVENCIÓN Á CIG NO PLENO DO CONCELLO DE LUGO
Dende a Central Intersindical Galega, amparándose no regulamento de participación cidadá, solicitaran poder intervir para presentar unha proposición pedindo apoio da corporación a ILP que levarán ao Parlamento Galego con medidas para a creación de emprego
Paz Abraira criticou esta decisión xa que onte aprobouse por unanimidade no parlamento unha norma iniciativa do BNG para facilitar a presentación das ILP e favorecer a participación da xente mentres que no concello de Lugo PP e PSOE parece que van na dirección contraria
Lugo, 27 de febreiro, 2013. A voceira do grupo municipal do BNG, Paz Abraira, compareceu hoxe co secretario comarcal da CIG, Antonio Niño, para denunciar o acordo tomado entre PP e PSOE que impede a intervención dos representantes da CIG no pleno municipal do vindeiro luns. O BNG levará ao pleno da corporación unha iniciativa da CIG na que se solicitará dos grupos políticos o apoio ao texto da Iniciativa Lexislativa Popular na que se lle propón á Xunta a implantación de medidas para a creación de emprego en Galiza. Segundo explicou Paz Abraira a CIG presentoulle esta iniciativa a todos os grupos políticos e foi o BNG quen amosou interese por trasladala ao pleno e engadiu que foi a CIG, a posteriori, quen solicitou intervir no pleno para facer unha exposición da proposición.
A voceira do BNG explicou que o concello de Lugo tiña por norma permitir que aqueles colectivos que se sentisen afectados por un asunto tratado no pleno puideran intervir e sinalou que tamén é verdade que houbo un acordo dos tres grupos para ir analizando cada caso. O BNG entende que é necesario regular a participación da sociedade nos plenos mais resulta incomprensible que PP e PSOE non admitisen a solicitude da CIG xa que se lles deu entrada, no pleno, a moitos colectivos para defender aquelo que consideraban xusto. O BNG defende que a CIG ten dereito a intervir no pleno do luns. Non se pode utilizar a norma contra para impedir que se exprese unha demanda social e sindical tan xusta e necesaria dixo a voceira do BNG.
Abraira sinalou que o PP estase a curar en saúde por que Jaime Castiñeira está no grupo parlamentario do PP e alí vai ter que tomar unha posición e engadiu que utilizan como excusa un regulamento no que sempre se deu participación a todo o mundo. Neste momento, dixo Paz Abraira a sociedade está reclamando que se lle de participación de xeito directo en todas as institucións. O BNG manifestou o seu rexeitamento á decisión do PP e do PSOE.
Pola súa banda o representante da CIG, Antonio Niño, dixo que é posible que ideario político do PP e do PSOE choque bastante coas propostas da CIG xa que non coincidimos co modelo neoliberal que eles implantan alá onde gobernan. Niño engadiu que a CIG propón medidas alternativas para crear un modelo económico baseado nos sectores produtivos do país. Niño dixo que o BNG, en todo caso, vai defender esta iniciativa no pleno e dende a CIG agardamos o apoio dos outros grupos para a aprobación da iniciativa.
Máis de 2.000 sinaturas
O secretario comarcal da CIG cualificou de visión sesgada do regulamento o argumento utilizado polo voceiros de PP e PSOE para impedir a intervención dos representantes da central nacionalista no pleno do concello de Lugo. Antonio Niño lembrou que a CIG xa recolleu, na cidade de Lugo, máis de 2.000 sinaturas para abalar a ILP que pretenden levar ao parlamento galego e que, ademais, a central intersindical representa a milleiros de traballadores e traballadoras en Lugo e na súa provincia. Para a CIG é unha actitude pouco democrática e seu secretario comarcal dixo que non quero pensar que PP e PSOE non compartan con nos a preocupación polo fondo do problema que se debate con esta ILP.