ROTEIRO REIVINDICATIVO DO BNG CONTRA OS PROXECTOS MINEIROS

ROTEIRO REIVINDICATIVO DO BNG CONTRA OS PROXECTOS MINEIROS

O BNG celebrou un roteiro no concello de Baralla, contra os proxectos de mega-minaría que afectan aos concellos de Baralla, Becerreá, Baleira e Fonsagrada

“A Xunta consinte que arrasen coa nosa terra e enganan á xente ofrencendo traballos miserentos” dixo Esther López

Lugo, a 9 de xuño de 2013. O BNG de Lugo, dentro da campaña programada a redor do día do Medio Ambiente, organizou un roteiro polo Val do Neira (Baralla) para reivindicar a necesidade de protexer o medio ambiente nesta comarca ameazada pola implantación dun proxecto de minería a ceo aberto de máis de 11.000 hectáreas. Nesta andaina participaron simpatizantes, militantes e cargos orgánicos e intitucionais do BNG que percorreron un total de 8 km polo val do Neira camiñando parte do tempo pola Vía Romana XIX e visitando unha ponte romana, unha piscifactoría, unha igrexa prerrománica e un mazo do ferro.

En relación ao proxecto de mega-minería a responsábel comarcal do BNG, Esther López, explicou que neste momento a Xunta de Galiza ten en período de exposición pública o proxecto para a unha megaexplotación a ceo aberto nos concellos de Baralla, Baleira, Becerreá e A Fonsagrada. Esther López animou a todas as persoas e colectivos a presentar as correspondentes alegacións ante este macro proxecto presentado por unha multinacional canadense.

Esther López acusou ao goberno do PP na Xunta de “vender o noso país a parceliñas”. E dixo que se estaba utilizando a mentira “vendendo” a creación de postos de traballo cando en realidade se está a exterminar o medio de vida existente. López dixo que “as iniciativas de empresas foráneas para desenrolar proxectos de mega-minería están en diferentes fases e exemplos desto son: Corcoesto, Cartelle, A Limia e Castrelo de Miño ”. Esther López puxo como exemplo do rexeitamento social a este tipo de explotacións mineiras a aprobación, no concello de Baralla, dunha moción contra este proxecto que foi aprobada por todos os grupos políticos.

Os datos

Na zona do Val do Neira proxectase unha explotación a ceo aberto de ouro, prata, zinc, chumbo e cobre nos concellos de Baralla, Baleira, Becerreá e A Fonsagrada. O proxecto contempla a ocupación de máis de 11.000 hectáreas de terreo correspondentes a 396 cuadrículas mineiras (1 cuadrícula = a 30 has.). A explotación mineira afectaría a dúas reservas da biosfera, Terras do Miño e río Eo – Oscos – Burón, e a un LIC (Lugar de Interese Comunitario). A extración de 1kgr. de ouro precisa da utilización 128 kgr. de cianuro no proceso e produciranse máis de 4.000 tm. de escombros.

ROTEIRO REIVINDICATIVO DO BNG CONTRA OS PROXECTOS MINEIROS