VENCE E ARROXO, EN BICI, PARA DEFENDER UN LUGO MÁIS SUSTENTABLE E CUN URBANISMO PARA AS PERSOA
BNG-Asembleas Abertas propón implantar máis zonas a velocidade 30 como medio tamén para evitar os numerosos atropelos
A candidatura encabezada por Arroxo fará a meirande parte da campaña electoral desprazándose en alternativas ao coche particular
Lugo, 29 de Abril 2015.-O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e o candidato de BNG-Asembleas Abertas en Lugo, Rubén Arroxo, encabezaron hoxe un pelotón ciclista polo tramo peonil da Ronda da Muralla para defender un Lugo máis sustentable, cun urbanismo máis pensado para as persoas e menos para os vehículos.
A formación nacionalista pretende visualizar así a súa aposta por un modelo de cidade máis amable para os peóns, onde o primeiro sexan as persoas e, para facilitar a mobilidade, se aposte por alternativas ao coche particular como as propias bicicletas, -en particular no entorno da Muralla-, e polo transporte público.
Vence salientou que o BNG xa ten demostrado noutros municipios, como por exemplo en Pontevedra, que se pode apostar por outros modelos urbanísticos de cidade onde e prima ás persoas e, ao mesmo tempo, favorecen o desenvolvemento do comercio de proximidade. O obxectivo é facer as cidades máis habitables e saudables para os veciños e veciñas e ao mesmo tempo posibilitar a actividade comercial e de ocio, recalcou.
Como medida concreta, o candidato nacionalista propón no programa implantar máis zonas que limiten a velocidade a 30. Preténdese así un Lugo no que os coches respecten máis ás persoas, evitando ademais o elevado número de atropelos que nos últimos meses se ten producido na cidade, argumentou.
Para dar exemplo, Xavier Vence e Rubén Arroxo encabezaron un pelotón ciclista polo tramo peonil da Ronda da Muralla para simbolizar esta aposta de BNG-Asembleas Abertas por un Lugo máis sustentable e cun urbanismo máis humanizado. Arroxo indicou ademais que a candidatura que encabeza fará a meirande parte da utilizando transportes alternativos ao coche particular, a pé ou en transporte público, exemplificando así que outro Lugo é posible.