A PRAZA E O MERCADO CONTA CON MÁIS DE 100.000 PUNTOS DE LUZ LED REPARTIDOS POLAS DÚAS INSTALACIÓNS
O acendido das luces de Nadal na Praza de Abastos e no Mercado Municipal da comezo á campaña de Nadal
A Praza e o Mercado conta con máis de 100.000 puntos de luz led repartidos polas dúas instalacións
O Goberno de Lugo renovou o servizo de enterramento para persoas con baixos recursos, que se presta de xeito gratuíto nos casos onde non se poida facer cargo dos servizos mínimos para o enterramento dunha persoa
Lugo, 20 de novembro de 2024. A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, deu por comezada da campaña de Nadal na Praza de Abastos e no Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros co acendido das luces de Nadal de ambas instalacións. Cristina López afirmou que "co alumeado de Nadal queremos convidar á veciñanza de Lugo a que se achegue á Praza de Abastos e ao Mercado Municipal e que coñeza os produtos de primeira calidade que se venden nestas dúas instalacións históricas".
O acto contou coa animación musical da agrupación Claustromúsica e cunha degustación de productos dos distintos postos da Praza.
A Praza e o Mercado contan en total con 57 elementos decorativos, 12 arcos de luces no interior, 2 arcos na entrada da Praza e unha imaxe central a modo de photocall. En total, o alumeado conta con 107.600 leds repartidos entre ambas instalacións.
Servizos no Cemiterio Municipal
Cristina López anunciou que o Goberno de Lugo vén de prorrogar un ano o servizo de enterramento para persoas con baixos recursos, que se presta de xeito gratuíto nos casos onde non se poida facer cargo dos servizos mínimos para o enterramento dunha persoa. O Concello presta, de xeito gratuíto, os traballos de recollida do cadáver e traslado ao cemiterio, así como os medios materiais necesarios para a prestación deste servizo, nos casos de persoas con baixos recursos.
Segundo a ordenanza reguladora, están exentos os servizos que se presten con ocasión de enterramentos de cadáveres cando se trate de persoas sen recursos, ben perceptores do salario social (RISGA), ou ben de persoas non integradas nas canles de axuda social das que, pola súa condición de transeúntes ou outras
circunstancias especiais, se descoñezan datos relativos á súa situación económica e/ou familiar. Estas circunstancias deberanse xustificar nun informe
social, ademais dos enterramentos que ordene a Autoridade Xudicial na sección de comúns do cemiterio.
Nestes casos, serán por conta do Concello os gastos mínimos imprescindibles para poder efectuar o enterramento, que poderán ser repercutidos ás persoas interesadas que soliciten exhumación e traslado do cadáver para outra unidade de enterramento ou para outro cemiterio antes da finalización do prazo de 5 anos estipulado legalmente para a apertura da sepultura.