ARROXO: "ESTA DECISIÓN MARCA UN PASO IMPORTANTE NA TRANSFORMACIÓN URBANA DA CIDADE, UNHA VEZ QUE ENTRE EN FUNCIONAMENTO A NOVA ESTACIÓN INTERMODAL"
Aprobada en pleno a moción do BNG para crear o Gran Parque Central de Lugo na Estación de Autobuses

Arroxo: "Esta decisión marca un paso importante na transformación urbana da cidade, unha vez que entre en funcionamento a nova estación intermodal"
O portavoz do BNG destacou que esta proposta permitirí a crear "un gran parque verde de máis de 27.000 metros cadrados, integrando os xardíns da Praza da Constitución e conectando coa Praza de Bretaña e o Vello Cárcere"
Lugo, 27 de febreiro de 2025. Rubén Arroxo, defendeu no pleno a proposición presentada polo BNG para instar á Xunta a crear un gran parque central no espazo que actualmente ocupa a estación de autobuses. Arroxo afirmou que "esta decisión marca un paso importante na transformación urbana da cidade, unha vez que entre en funcionamento a nova estación intermodal", e destacou que o Gran Parque Central permitiría crear "un gran parque verde de máis de 27.000 metros cadrados, integrando os xardíns da Praza da Constitución e conectando coa Praza de Bretaña e o Vello Cárcere". A proposta foi aprobada malia a abstención do grupo municipal do Partido Popular.
Rubén Arroxo, destacou que este proxecto suporá unha transformación importante para Lugo, creando un gran pulmón verde integrado no casco histórico e ao pé da Muralla. A proposta feita polo BNG inclúe a creación dun paso soterrado para vehículos que una a rúa Dinán e a avenida Anxo López Pérez "eliminando na práctica o tráfico rodado nesta zona", explicou Arroxo.
O BNG propón tamén a creación dunha parada para as liñas de transporte interurbano que desexen parar nesta zona da cidade, mantendo o resto do espazo como o que defuniu "o Parque Central de Lugo, unha nova praza verde integrada no casco histórico".
A proposta defendida polo BNG reclama á Xunta de Galiza que elabore este proxecto "buscando consenso social e político", e afirmou que "coa renovación do espazo da actual Estación de Autobuses, a Xunta ten que aproveitar a oportunidade de demostrar que quere investir en Lugo e mellorar a cidade".