RUBÉN ARROXO E ALEXANDRE PENAS VISITARON AS OBRAS QUE SE ESTÁN A REALIZAR NA INTERSECCIÓN COA AVENIDA PAULO FABIO MÁXIMO
A área de Infraestruturas do Concello de Lugo mellora a contorna da Garaballa de Arriba
Rubén Arroxo e Alexandre Penas visitaron as obras que se están a realizar na intersección coa Avenida Paulo Fabio Máximo
O orzamento base de licitación do proxecto ascende a 71.760,53 €
Lugo, 16 de novembro de 2024. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, visitaron as obras que se están a realizar na Garaballa de Arriba, concretamente na súa intersección coa Avenida Paulo Fabio Máximo. Estas actuacións forman parte dun proxecto de mellora da infraestrutura viaria que ten como obxectivo optimizar o acceso e as condicións de seguridade na zona.
O orzamento base de licitación do proxecto ascende a 71.760,53 €, e as principais actuacións inclúen o asfaltado das zonas con pavimento en mal estado. En total, explicou Penas, "asfaltaranse aproximadamente 290 metros asegurando un selado duradeiro fronte á acción das augas pluviais, e onde sexa posible, ampliarase a superficie asfaltada para crear unha franxa de arcén destinada ao uso peonil".
A obra tamén contempla a construción dunha nova beirarrúa no lado norte da avenida, que continuará a beirarrúa existente na Avenida Paulo Fabio Máximo. Segundo o edil de Infraestruturas, "esta decisión foi tomada debido á súa maior facilidade construtiva en comparación co lado sur, onde sería necesario demoler parte da calzada ou excavar en fincas privadas".
O proxecto tamén inclúe traballos de drenaxe, como a instalación de sumidoiros e tubos para canalizar as augas pluviais, que desembocarán no pozo situado preto da intersección coa Avenida Paulo Fabio Máximo.
En canto á sinalización, realizaranse varias melloras para facilitar a mobilidade peonil e aumentar a seguridade viaria. Entre as actuacións destacan a instauración de circulación en sentido único no tramo da Garaballa de Arriba desde a intersección coa Avenida Paulo Fabio Máximo, a limitación da velocidade a 30 km/h, e a sinalización de novos pasos de peóns.
Alexandre Penas destacou que "con estas melloras buscamos, non só optimizar as infraestruturas viarias, senón tamén garantir a seguridade e a accesibilidade para os peóns na zona da Garaballa de Arriba, mellorando a calidade de vida dos veciños e veciñas e fomentar unha mobilidade segura e sostible."