NESTA PRIMEIRA FASE REALIZARANSE UN TOTAL DE 31 ACTUACIÓNS
A área de Mobilidade executa un plan de aranxos da vía pública de toda a cidade
Rubén Arroxo agradeceu “a colaboración da veciñanza para realizar este plan con arranxos en todos os puntos de Lugo”
Lugo, 22 de xullo de 2020. O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, informou do inicio da primeira fase do plan de arranxos de vía pública que a área de Mobilidade realizará periodicamente para garantir o mantemento da vía pública nos distintos puntos da cidade. Segundo Rubén Arroxo, “nesta primeira fase realizaremos un total de 31 arranxos, distribuídos por toda a cidade”.
“Agradecemos a colaboración da veciñanza para realizar este plan”, afirmou Rubén Arroxo, que explicou que “estas intervencións planificáronse coa información de primeira man que as veciñas e veciños de Lugo enviaron ao goberno municipal nos últimos meses”. O tenente de Alcalde animou á veciñanza “a informar das incidencias na vía pública, que, xunto coas visitas que realizamos aos barrios, utilizamos para mellorar a calidade de vida de toda a veciñanza”.
Actuacións no barrio das Gándaras
O Tenente de Alcalde informou que nos pasados días se realizaron unha serie de actuacións no barrio das Gándaras. Segundo Rubén Arroxo, “adaptamos distintas zonas para o aparcamento de vehículos e para a mellora da seguridade peonil”.