CRISTINA LÓPEZ: “TRATAMOS DE REDUCIR AO MÁXIMO AS PERDAS QUE PRODUZA A SITUACIÓN DE EMERXENCIA NO PEQUENO COMERCIO”

A área de Participación non cobrará o alugueiro dos postos da Praza e do Mercado Municipal

Cristina López animou a realizar as compras nestes días no pequeno comercio, que continúa a dar servizo a toda a veciñanza
A área de Participación non cobrará o alugueiro dos postos da Praza e do Mercado Municipal

Lugo, 24 de marzo de 2020. A área de Participación e Servizos para a Veciñanza suspende o cobro do alugueiro dos postos do Mercado Municipal e da Praza de Abastos. Segundo indicou a edil de Participación, Cristina López, “mentres duren as restricións decretadas polo goberno do Estado, e como medida de apoio ás comerciantes da Praza e do Mercado Municipal, decidimos suspender o cobro do alugueiro dos postos en ambos recintos”.

“Desde a área de Participación tratamos de reducir ao máximo as perdas que produza a situación de emerxencia no pequeno comercio e nos negocios de hostalería destes dous recintos” afirmou Cristina López, que vinculou esta medida ao “compromiso que mantemos desde a área de Participación para converter a Praza de Abastos e o Mercado Municipal nun referente do casco histórico de Lugo”.

Cristina López animou ás veciñas e veciños de Lugo a facer as compras no pequeno comercio de alimentación que estes días permanece aberto e dando servizo a toda a cidadanía. "É fácil acceder a moitos comercios pequenos que están abertos no centro e nos barrios da cidade xa que as colas son máis pequenas e a subsistencia das persoas que as rexentan depende das compras que fagamos", declarou a edil de Participación.

A área de Participación non cobrará o alugueiro dos postos da Praza e do Mercado Municipal