“SERÁ POR OPOSICIÓN LIBRE E A PERSOA QUE ACADE A PRAZA ASUMIRÁ A XEFATURA DO SERVIZO DA BANDA E DA ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA” INFORMOU MAITE FERREIRO
Maite Ferreiro informa da publicación no BOE a convocatoria do posto de Dirección da Banda Municipal
Lugo, 25 de marzo de 2020. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que, coa publicación no Boletín Oficial do Estado, ábrese o proceso selectivo para o acceso á praza de Dirección da Banda de Música Municipal. Maite Ferreiro sinalou a importancia de cubrir o posto de dirección da Banda. “Lugo non pode permitirse o luxo de ter unha banda, con máis de 140 anos de historia, sen ensaiar e sen tocar por falta de dirección”, declarou a edil de Cultura, que agradeceu “a implicación das integrantes da Banda Municipal durante estes meses, para manter vivo un servizo ás veciñas e veciños de Lugo a pesares de todas as dificultades”.
“O procedemento será por oposición libre e a persoa que acade a praza asumirá a xefatura do servizo da Banda e da Escola Municipal de Música” informou Maite Ferreiro que sinalou “así darase cobertura á dirección da banda de música que está vacante dende a xubilación do anterior director en setembro de 2016, e permitirá consolidar a Banda Municipal e a Escola de Música”.
A praza a cubrir é do grupo A1 e as persoas que se presenten deberán acreditar, entre outras, a titulación superior de música na especialidade de dirección de orquestra. As persoas interesadas poderán comezar a presentar as solicitudes, e o prazo rematará 20 días hábiles despois da fin do Estado de Alarma. As probas constarán dun exercicio teórico e dunha proba práctica na que as persoas aspirantes terán que instrumentar unha obra, facer unha análise completa dunha partitura e dirixir un ensaio da banda con dúas obras musicais. Segundo informou Maite Ferreiro, “o temario consta de 72 temas e unha vez resolto o proceso selectivo para a cobertura definitiva da praza crearase unha lista de agarda coas persoas que superarán a proba selectiva”.
Enlace publicación no BOE: https://www.boe.es/boe/dias/2020/03/25/pdfs/BOE-A-2020-4038.pdf