O PLENO DA CORPORACIÓN XA TEN APROBADAS DÚAS INICIATIVAS PARA A PEONALIZACIÓN DESTE TRAMO DA RONDA DA MURALLA NO QUE ESTÁ SITUADO O SÍMBOLO DA CIDADE

Arroxo pediu que se peonalice a Mosqueira unha vez desbloqueada a urbanización da esquina de S. Roque

tIMG_6104

“Agora é momento de poñerse a traballar para adecentar o entorno da Mosqueira e peonalizar a ronda creando a gran praza que Lugo merece” dixo Rubén Arroxo

Arroxo pediu que se peonalice a Mosqueira unha vez desbloqueada a urbanización da esquina de S. Roque

Lugo, 20 de outubro de 2017. Tras coñecer a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio que permite a urbanización da esquina da rúa San Roque coa ronda da Muralla, o voceiro do BNG-AA pediu que se “empece a traballar para peonalizar o tramo da ronda da Muralla fronte á Mosqueira creando unha praza, fronte ao símbolo da cidade de Lugo”. Arroxo lembrou que neste punto “ademais de estar a zona máis emblemática da cidade, conflúen dous Patrimonios da Humanidade como o Camiño Primitivo e a propia Muralla”. Para o BNG-AA “esta resolución contribuirá a executar o proxecto irreversible e que abrirá un novo espazo para Lugo”.

Arroxo apostou por “mellorar a imaxe da zona cando se acometa o proxecto de peonalización” e lembrou que “neste tramo da ronda existen varios edificios completamente degradados para os que haberá que buscar unha solución”. Arroxo non descartou a colaboración doutras administracións para acometer o proxecto de peonalización e sinalou que “agora é o goberno municipal quen ten que poñerse a traballar para cumprir o que xa foi mandato plenario en dúas ocasións, e converter en realidade o que é unha demanda social”.

 

Para o BNG – Asembleas Abertas a Mosqueira debe ser un dos puntos principais de recepción aos visitantes á cidade “a nova praza debe planificarse como punto de referencia para turistas, peregrinos e visitantes e o seu deseño ten que poñer en valor a Muralla como principal elemento patrimonial de Lugo”. A situación da Mosqueira, preto da estación de autobuses e ferrocarril, supón un emprazamento privilexiado para a organización de rutas turísticas ou a creación de espazos que sirvan para facilitar información turística ás persoas que chegan a Lugo.

A zona da Mosqueira tamén debería deseñarse para ter a posibilidade de organizar eventos de grande magnitude nas festas principais da cidade como o San Froilán ou o Arde Lucus. Segundo explicou Rubén Arroxo “a zona da Mosqueira é un emprazamento privilexiado pola súa proximidade ao casco histórico e, ademais, reduciríanse considerablemente as molestias á veciñanza dado que, neste momento, é unha zona na que existen poucas vivendas habitadas”.

Un dos usos propostos dende o BNG – Asembleas Abertas “por que é unha necesidade na zona centro da cidade” é a instalación dunha zona de ocio infantil que se adapte ás características da zona en canto ao deseño e ubicación e que conte con xogos adaptados”. A zona centro da cidade non conta con zonas de ocio para absorber toda a demanda existente e unha nova zona de xogo nas inmediacións do centro da cidade serviría para aliviar as aglomeracións que se dan no parque infantil do Campo Castelo.

Arroxo pediu que se peonalice a Mosqueira unha vez desbloqueada a urbanización da esquina de S. Roque