O GOBERNO MUNICIPAL NON FOI CAPAZ DE DAR COBERTURA A UNHA BAIXA, PREVISTA DENDE FAI TEMPO, E COMUNICADA DENDE O CENTRO EDUCATIVO
O BNG-AA denuncia que o colexio Rosalía de Castro está sen conserxe dende o pasado mércores
“A pesar da cantidade de xente que está desempregada, este goberno non cubre as baixas deixando os servizos descubertos pola súa ineficiencia” dixo Maite Ferreiro
Lugo, 21 de outubro de 2017. O BNG – AA no concello de Lugo, a través da edil Maite Ferreiro, denunciou que o colexio Rosalía de Castro quedou sen conserxe dende o pasado mércores, 18 de outubro, sen que se dea solución dende o goberno municipal. Ferreiro explicou, en referencia á baixa médica que apartou ao conserxe habitual das súas funcións, que “era unha baixa prevista e comunicada dende a dirección do centro coa debida antelación” ademais, engadiu, “temos constancia que dende a dirección do centro se trasladou esta situación por diversos medios para que se lle dera solución”.
A edil Maite Ferreiro dixo que “dende o BNG-AA trasladaremos unha serie de preguntas ao goberno municipal para averiguar o motivo desta desatención a este centro escolar e cal é o motivo para que non se cubran as baixas de persoal que son previsibles, longas no tempo, e que se anuncian coa suficiente antelación”. A edil nacionalista sinalou, tamén, que “existen problemas relacionados coa definición das funcións que teñen que desenvolver os conserxes do concello nos centros educativos o cal repercute nos propios centros escolares e tamén nos propios traballadores”.
Maite Ferreiro lamentou que “a pesar da cantidade de xente que está desempregada, este goberno non cubre as baixas deixando os servizos descubertos pola súa ineficiencia” dixo Maite Ferreiro e lembrou, entre outros, o caso do posto de Traballadora Social do centro de Lamas de Prado que provoca a desatención de centos de persoas usuarias deste centro. Maite Ferreiro sinalou que o problema de falta de cobertura de postos de traballo no concello de Lugo é “constante e reiterado”.