“LUGO CONTINUARÁ SEN MUSEO DA ROMANIZACIÓN E SEN REMATAR O PLAN PARADAI, TAL E COMO E ACORDARON PP E PSOE NO SEU MOMENTO” AFIRMOU RODIL
“Os orzamentos da Xunta non dan solucións e Feijoo segue castigando a Lugo” asegurou Olalla Rodil
A vicevoceira do BNG no Parlamento Galego dixo que “o maior investimento será o que pagan os propios lucenses dúas veces que son 3,6 millóns para o auditorio de Lugo”
Lugo, 20 de outubro de 2017. A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, fixo unha avaliación dos orzamentos da Xunta de Galicia para Lugo. Rodil sinalou que “sen afondar no contido de todo o documento vese que Lugo é un dos territorios peor tratados polo goberno da Xunta, Feijoo segue castigando á provincia” e sinalou, referíndose aos 843.651 € destinados ao arranxo da LU-124, "resulta curioso que a única obra que se vai executar na súa totalidade no ano 2018 é unha estrada no concello que goberna Elena Candia, presidenta provincial do PP".
A vicevoceira do BNG no Parlamento Galego dixo, tamén, que "a pesares de que a propaganda do PP falará das bondades destes orzamentos para Lugo, a verdade é que unha grande partida, de 8,2 millóns de euros, se concentra nun proxecto cuestionado como é o de drons de Rozas" e engadiu “pero vemos como Lugo é, a pesares da dispersión e envellecemento da poboación, a provincia que menos fondos recibe parainvestimentos nos centros de saúde, onde recibirá o 3,61 % do total fronte ao 53,68 % que levará Pontevedra”.
A respecto dos investimentos para o concello de Lugo, a Parlamentaria do BNG sinalou que “non hai partidas para o Cuartel de San Fernandoque seguirá pechado tal e como acordaran o PP e o PSOE”. A respeito do Plan Paradai, outra das obras pendentes na cidade de Lugo, o proxecto de Orzamentos contempla 450 mil euros –igual que en 2016 e 2017 “uns cartos insuficientes para rematar os traballos pendentes no enlace da Serra de Meira, As Gandaras e os aparcadoiros da Praza Conde Fontao e que moito me temo que non chegarán a executarse como aconteceu na pasada lexislatura, tamén por acordo do PP e o PSOE”.
Rodil aclarou os anuncios de recuperación do edificio da Residencia quedarán nun engano máis de Feijoo xa que unicamente aparece unha partida de 200.00 € “claramente insuficiente” e “outro dos enganos de Feijoo é o de destinar 250.000 € para a conversión en autovía do corredor Lugo – Sarria que seguirá como está durante moitos anos”. Tampouco hai partidas específicas para continuar coa rehabilitación do barrio da Tinería. Tampouco se orzamentan as partidas necesarias para finalizar á entrada do Porto Seco de Monforte nin o corredor da Mariña entre San Cibrao e Ferrol.
Olalla Rodil fixo unha comparación das distitntas lexislaturas entre 2009 e 2018 e a débeda que multiplicouse nun 300% desde que goberna Feijóo. Rodil lembrou que “Núñez Feijóo fixo bandeira no seu discurso de investidura e que afecta de maneira notábel ás comarcas de Lugo é MEDIO RURAL que malia incrementarse no proxecto de Orzamentos para 2018 nunha cifra próxima ao 2 % perde case 17 puntos a respeito de 2009”.