ANA PONTÓN RECOLLEU O 98% DOS APOIOS DA ASEMBLEA COMARCAL DE LUGO
A Asemblea Comarcal de Lugo apoia a Ana Pontón como candidata do BNG á Presidencia da Xunta
Ana Pontón recolleu o 98% dos apoios da Asemblea Comarcal de Lugo
Segundo marcan as normas internas do BNG, a decisión será tomada, colectiva e democraticamente, polas asembleas comarcais de toda Galiza
Lugo, 17 de novembro de 2023. O BNG celebrou onte a súa Asemblea Comarcal en Lugo onde o 98% das e dos militantes presentes apoiaron a Ana Pontón como candidata do BNG á Presidencia da Xunta nas eleccións galegas de 2024. Rubén Arroxo, portavoz do BNG en Lugo, defendeu a única candidatura presentada como "a mellor candidata posible para poder gañar a presidencia da Xunta", e engadiu "saímos a por todas para cambiar o goberno da Xunta de cara ás eleccións do 2024".
O proceso interno do BNG para a escolla da candidata á Presidencia da Xunta comezou o sábado 28 de outubro coa apertura do procedemento por parte do Consello Nacional do BNG, e finalizará o 25 de novembro, día fixado para que o Consello Nacional ratifique á cabeza de cartel do BNG á Presidencia do Goberno.
"No BNG demostramos que temos persoas preparadas e dispostas a dar a cara e a comprometerse con Galiza", afirmou Rubén Arroxo, que engadiu "no 2024 abriremos unha nova etapa co BNG no Goberno da Xunta, un goberno coas mans libres e para defender os intereses deste país".