O BNG - AA pedirá no pleno do concello de Lugo a derrogación da LOMCE e a retirada das revalidas
Para o BNG-AA “a LOMCE ten unha clara pretensión de camiñar cara un sistema educativo competitivo, clasista e segregador”
Lugo, 15 de outubro, 2016. O BNG - AA levará ao pleno do concello unha proposición para reclamar a eliminación das reválidas e a derrogación da LOMCE. Rubén Arroxo explicou que o BNG trasladará iniciativas similares en todos os concellos do país. A través da proposición do BNG, en caso de ser aprobada, a corporación lucense instará á Xunta de Galiza á eliminación das reválidas “conscientes das nefastas e lesivas consecuencias que supoñen as reválidas, por seren un obstáculo para facer efectivo o dereito á educación universal, pública, galega, laica, coeducativa e gratuíta” dixo Rubén Arroxo.
A través desta mesma iniciativa os nacionalistas trasladan ao pleno do Concello a proposta para que a Xunta da Galiza solicite ao goberno do Estado a derrogación da LOMCE. Ademais a proposición presentada polo BNG recolle a necesidade de defender as nosas competencias en materia de ensino para fortalecer un ensino público, galego e de calidade que potencie a diversidade lingüística e fomente a lingua propia do noso país.
O voceiro do BNG-AA explicou que “a LOMCE ten unha clara pretensión de camiñar cara un sistema educativo competitivo, clasista e segregador que excluirá os sectores máis desfavorecidos da educación e asentará unha estrutura curricular ao servizo do capitalismo”. Para o BNG-AA a aplicación da LOMCE consagra cuestións totalmente negativas para o sistema educativo por ser fondamente centralizadora, clasista e sexista, mercantilizar a educación e afondar nun modelo moito máis autoritario e antidemocrático.
Cómpre lembrar que xa a elaboración da LOMCE foi sen diálogo social e sen participación da comunidade educativa, das asociacións que representan os diferentes colectivos implicados e con grande oposición social e política. Ademais, a LOMCE representa un ataque frontal ás competencias das comunidades autónomas e supón unha involución inadmisíbel ao negar a realidade plurilingüe, pluricultural e plurinacional do Estado español e veta o dereito de ofrecer o seu propio modelo lingüístico.
Revalidas
A inclusión a proba xeral en 3º e 6º de Primaria e as reválidas en 4º da ESO e en bacharelato, que son requisito imprescindíbel para conseguir os títulos correspondentes, pretenden pór as maiores trabas posíbeis para a continuación dos estudos. Obedecen, pois, a unha concepción clasista e elitista da educación e contribúen a excluír o alumnado máis desfavorecido socialmente do dereito á educación nun contexto no que xa as progresivas privatizacións e recortes do sistema público de ensino limitan os recursos para facer real o principio de igualdade de oportunidades. Así mesmo, condicionan a labor docente ao encamiñala á preparación das probas e cuestionan a avaliación continua e a opinión do equipo docente para coñecer as carencias, potencialidades, habilidades e capacidades do alumnado, así como dos medios, recursos e apoios necesarios para mellorar a aprendizaxe e o rendemento escolar.