O BNG-AA PREGUNTARÁ POLA AMPLIACIÓN DAS PRAZAS NOS APARCADOIROS SOTERRADOS DA CIDADE
Rubén Arroxo lembrou que “no mes de febreiro anunciáronse, dende o goberno municipal, negociacións coa empresa adxudicataria, mais nada se sabe”
Para o BNG “é unha xestión nefasta” que se faga unha previsión de 521.000 € en aparcadoiros disuasorios e non se dea solución aos soterrados, ao sistema ORA, ao aparcamento na zona do HULA, ou á zona saturada de Fontiñas
Lugo, 4 de xullo 2017. Rubén Arroxo lembrou que “no mes de febreiro anunciáronse, dende o goberno municipal, negociacións coa empresa adxudicataria, mais nada se sabe”. A intención da alcaldía no mes de febreiro era converter en dúas o que agora ocupan tres prazas de aparcamento e así adaptalas ás necesidades actuais. Segundo explicou Rubén Arroxo “tratábase de reordenar e redimensionar as 739 prazas dos tres aparcadoiros soterrados do centro da cidade para facelas máis accesibles e máis cómodas, e dende que se anunciou o pasado 17 de febreiro non se volveu saber do asunto".
Depois de que o BNG-AA sacara á luz a necesidade de facer modificacións no tamaño das prazas de aparcamento, o goberno municipal informou que o Concello chegara a un acordo coa empresa que explota este servizo dende 1986 e que ten unha concesión por 18 anos máis. A reordenación, que garantiría o "equilibrio económico" da concesión a través dunha prorroga, plasmaríase nun convenio e para que as prazas se converteran tres en dúas.
Para o BNG “é unha xestión nefasta” que se faga unha previsión de 521.000 € en aparcadoiros disuasorios e non se dea solución aos soterrados, ao sistema ORA nin ao aparcamento na zona do HULA. Arroxo explicou que “este goberno non está a dar respostas efectivas aos problemas verdadeiros do tráfico en Lugo” e sinalou “é un despilfarro que o custo previsto polo goberno municipal para acondicionar oito espazos como aparcamentos disuasorios ascenda a 521.850 €, foi unha mala decisión política paralizar o sistema ORA sen dar outra alternativa, é un engano constante do PSOE anunciar o leiraparkin no HULA e falta de capacidade non proceder á ampliación das prazas dos aparcadoiros soterrados”.
Fontiñas
Arroxo referiuse á necesidade de afrontar tamén os problemas de aparcamento en Fontiñas e lembrou que “o BNG presentou propostas e alternativas pero foron ignoradas e o problema para atopar aparcamento en Fontiñas prevalece”. A proposta do BNG ía no senso de utilizar como aparcadoiros varios solares existentes na zona con tres posibles ubicacións que sumarían un total de 6.600 metros cadrados. Os dous terreos máis próximos ao centro da cidade estarían situados, un na esquina de Fontiñas co Carril de Caiños e outro ao longo da rúa Primavera fronte a centro socio-cultural Maruja Mallo. Rubén Arroxo lembrou que un destes solares xa funcionou como aparcadoiro mentres se fixeron as obras en Fontiñas e o outro xa funciona, tamén, como aparcadoiro nas súas beiras. O outro grande aparcadoiro daría solución aos problemas de tráfico na zona dos conservatorios de música e danza e ocuparían máis de 4.000 metros cadrados na intersección da ronda Xosé Castiñeira coa rúa Xesús Bal e Gai.