A DEPUTADA DO BNG ANIMOU Á VECIÑANZA "A PRESENTAR ALEGACIÓNS AO PROXECTO MENTRES CONTINÚE O PRAZO ABERTO PARA MANIFESTAR O SEU REXEITAMENTO A ESTE PROXECTO"

O BNG amosou en Monterroso as implicacións da implantación do megacomplexo industrial de Altri en Palas de Rei

Olalla Rodil interviu no acto xunto cunha representante de Adega, Ana Fernández, especialista no ciclo da auga e Brais Vázquez concelleiro do BNG en Monterroso

A deputada do BNG animou á veciñanza "a presentar alegacións ao proxecto mentres continúe o prazo aberto para manifestar o seu rexeitamento a este proxecto"

O BNG amosou en Monterroso as implicacións da implantación do megacomplexo industrial de Altri en Palas de Rei



 

Monterroso, 09 de abril de 2024. A deputada do BNG por Lugo no Parlamento Galego, Olalla Rodil, participou nunha charla informativa sobre o proxecto da planta de celulosa que a multinacional portuguesa Altri planea instalar no concello de Palas de Rei. Rodil estivo acompañada por Ana Fernández, membro de Adega e especialista no ciclo da auga, quen afondou nas implicacións que o proxecto terá para a comarca da Ulloa e para o resto de concellos de Lugo e de Galiza e polo concelleiro do Bng en Monterroso, Brais Vázquez que falou das connotacións que supón un proxecto como altri para o concello de Monterroso

O BNG amosou neste acto as implicacións da implantación do megacomplexo industrial de Altri, e os efectos que terá en todo o territorio galego, ademais do impacto negativo que terá sobre a actividade económica e no emprego nas zonas afectadas.

Rodil animou á veciñanza a presentar alegacións ao proxecto para "manifestar ante a Xunta de Galiza o rexeitamento a esta macroplanta destinada á producción de celulosa". Segundo recoñeceu a propia empresa, subliñou Rodil, a fábrica proxectada produciría 250.000 toneladas de celulosa e 60.000 de lyocell nunha primeira fase, cantidades que ascenderían a 400.000 t. e 200.000 t. respectivamente coa factoría a pleno rendemento.

"Pretenden instalar en no corazón da Ulloa unha fábrica contaminante que non queren en Portugal", denunciou a deputada, advertindo do "enorme impacto territorial, nos recursos hídricos e no tecido socieconómico" non só en Palas de Rei, senón en toda a comarca da Ulloa e na contorna da ría de Arousa.

"É unha agresión descomunal e un ataque ao ben máis preciado que temos", apuntou en alusión a auga que precisaría a pasteira que, segundo a propia empresa, captaría máis de 16 millóns de metros cúbicos ao ano procedentes do encoro de Portodemouros. É dicir, 46.000 metros cúbicos de auga ao día ou, o que é o mesmo, 535 litros por segundo. "Altri succionará máis auga da que consumimos nun día as 350.000 persoas que vivimos na provincia de Lugo", destacou Olalla Rodil.

A celulosa vertería de volta ao río Ulla aproximadamente o 80 % da auga logo de sometela a procesos industriais contaminantes e de depuración industrial, explicou a deputada nacionalista, salientando que o Ulla xa ten agora uns índices elevados de contaminación e que desemboca nunha ría de Arousa "da que comen máis de 4.000 familias, que produce máis do 70 % do mexillón de Galiza e que leva anos vendo caer a súa produtividade".

Rodil destacou, por outra banda, o impacto económico que a fábrica terá na zona na que se enmarca a DOP Arzúa-Ulloa, a segunda en produción do Estado español, con numerosas explotacións agrogandeiras e proxectos empresariais vinculados ao sector primario ou ao Camiño que xeran riqueza e postos de traballo na zona.

 

O BNG amosou en Monterroso as implicacións da implantación do megacomplexo industrial de Altri en Palas de Rei