MONTSE VALCÁRCEL E OLGA GARCÍA SALIENTAN O PAPEL DAS ASOCIACIÓNS LOCAIS NA DEFENSA DA RAZA AUTÓCTONA E NA POSTA EN VALOR DO RURAL CHAIREGO
O BNG de Castro de Rei participa na XIV Expo-Degustación da Galiña de Mos
Montse Valcárcel e Olga García salientan o papel das asociacións locais na defensa da raza autóctona e na posta en valor do rural chairego
Castro de Rei, 26 de outubro de 2025.- O Bloque Nacionalista Galego de Castro de Rei participou esta fin de semana na décimo cuarta edición da Expo-Degustación da Galiña de Mos, celebrada na parroquia de San Xiao de Mos, un dos eventos máis representativos do outono na comarca da Terra Chá.
A cita, organizada pola Asociación de Avicultores da raza da Galiña de Mos (Avimós) e pola Asociación de Veciños de San Xiao, volveu converterse nun punto de encontro entre criadores, produtores, veciñanza e visitantes interesados en coñecer e degustar un dos produtos máis emblemáticos da avicultura galega. Durante toda a xornada desenvolvéronse actividades divulgativas, exposicións, degustacións gastronómicas e espazos de encontro arredor da recuperación desta raza autóctona, símbolo da identidade agraria galega.
Entre as persoas asistentes estiveron a deputada do BNG por Lugo no Parlamento galego, Montse Valcárcel, e a concelleira nacionalista en Castro de Rei, Olga García, acompañadas de militantes e simpatizantes da organización. Ambas coincidiron en destacar o valor deste tipo de iniciativas que, ademais de conservar o patrimonio xenético e cultural do país, dinamizan a economía local e fortalecen o tecido social do rural.
A deputada Montse Valcárcel quixo felicitar publicamente ás entidades organizadoras polo seu compromiso continuado coa defensa da Galiña de Mos, lembrando que "hai uns anos esta raza estivo a piques de desaparecer, e hoxe, grazas ao esforzo de moitas persoas, é un exemplo de como o compromiso co territorio pode dar froitos reais e duradeiros".
"A Galiña de Mos é un símbolo da nosa identidade, do noso xeito de producir e de entender o rural ,engadiu Valcárcel . Grazas ao traballo de Avimós e do movemento asociativo da zona, conseguise non só conservar unha raza, senón tamén poñer en valor un modelo de produción ligado á terra, sustentábel e de proximidade, que é o que precisamos defender dende as institucións.
Pola súa banda, a concelleira Olga García subliñou a relevancia desta feira para o municipio e para o conxunto da Terra Chá:
"A Expo-Degustación de San Xiao de Mos é moito máis que unha festa gastronómica: é unha mostra da forza da nosa xente, do orgullo por vivir e producir no rural e da capacidade que temos para xerar actividade económica e social a partir dos nosos propios recursos. A crianza da Galiña de Mos é un exemplo perfecto de economía circular e de aproveitamento sostible do noso territorio".