RUBÉN ARROXO, PORTAVOZ DO BNG EN LUGO, AFIRMOU QUE "O PRESIDENTE DA XUNTA VOLVEU ANUNCIAR QUE TIÑA PREVISIÓN DE FACER UN NOVO APARCADOIRO EN CADA CIDADE, MAIS OS ORZAMENTOS DA XUNTA PARA O 2026 NON CONTAN CON PARTIDAS PARA ESTA ACTUACIÓN EN LUGO"
O BNG propón un aparcadoiro en Fontiñas como emenda aos orzamentos da Xunta
Rubén Arroxo, portavoz do BNG en Lugo, afirmou que "o presidente da Xunta volveu anunciar que tiña previsión de facer un novo aparcadoiro en cada cidade, mais os orzamentos da Xunta para o 2026 non contan con partidas para esta actuación en Lugo"
O portavoz do BNG presentou a proposta de crear un novo aparcadoiro público entre a rúa Primavera, Carril das Hortas e Carril das Flores, que daría unha continuidade estética á renovación prevista polo Concello e permitiría gañar preto de 100 prazas "nun espazo que xa se está a usar como estacionamento"
Lugo, 28 de outubro de 2025. O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, acompañado polo responsábel local da formación, Antón Bao, e concelleiros e concelleiras do BNG, presentou a proposta que se levará ao Parlamento Galego como emenda aos Orzamentos da Xunta do ano 2026, para crear un novo aparcadoiro público no barrio de Fontiñas. A proposta do BNG sitúa este novo estacionamento na unión da rúa Primavera, o Carril das Hortas e o Carril das Flores, "un espazo que actualmente se emprega de maneira desordenada como estacionamento e que con esta proposta se convertería nun espazo útil para a veciñanza, dando continuidade á renovación do Carril das Flores que vai executar o Concello de Lugo nos vindeiros meses".
A proposta inclúe a posibilidade de crear un estacionamento de dúas alturas, aproveitando o desnivel existente entre a rúa Primavera e o Carril das Hortas, o que permitiría "optimizar o uso do espazo e ofrecer preto de cen novas prazas de aparcadoiro". Ademais, o proxecto permitiría mellorar a imaxe urbana desta área situada xunto ao Camiño de Santiago, "cun deseño estético integrado en espazos verdes e coherente coa contorna". Esta nova infraestrutura podería contar cun espazo de 3.000 metros cadrados repartidos en dúas plantas que engadirían preto de 100 prazas de estacionamento á zona.
Arroxo lembrou que "hai dous ou tres anos a Xunta anunciara que construiría un novo aparcadoiro en cada cidade, e fíxoo nunha zona con menos necesidade de estacionamento que Fontiñas". Arroxo afirmou que ampliar o estacionamento na zona de Fontiñas conta co consenso de todos os grupos políticos do Concello "non como o aparcadoiro construído pola Xunta na avenida de Breogán", afirmou.
Rubén Arroxo lembrou que a actuación podería desenvolverse mediante os mesmos instrumentos que empregou a Xunta para executar o aparcadoiro da avenida Breogán, declarando o proxecto de interese autonómico. "Se a Xunta quere, pode facelo tamén aquí, porque dispón da lexislación necesaria para intervir neste tipo de solos", subliñou Arroxo, que presentou a idea apoiado en dúas infografías do deseñador lucense Andrés Armesto.
"Facemos unha proposta que é o uso máis útil que se lle pode dar a este espazo de Fontiñas", afirmou Rubén Arroxo, que engadiu "é un barrio que ten unha densidade de poboación moi alta e que necesita espazos para estacionar".