FERREIRO: "O CONCURSO DE TAPAS, QUE CHEGA ESTE ANO Á SÚA VIXÉSIMA EDICIÓN, É O CERTAME CULINARIO MÁIS IMPORTANTE DE LUGO"
Maite Ferreiro e Iria Buide presentan xunto co presidente da APEHL Cheché Real o cartaz do XX Concurso de Tapas de Lugo
Ferreiro: "O Concurso de Tapas, que chega este ano á súa vixésima edición, é o certame culinario máis importante de Lugo"
O concurso celebrarase entre o 7 e o 23 de novembro, e contará con sorteos para as persoas que degusten as distintas tapas participantes
Lugo, 17 de outubro de 2025. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e a concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento Iria Buide, presentaron xunto co presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), Cheché Real, o cartaz da XX edición do Concurso de Tapas de Lugo, que terá lugar entre o 7 e o 23 de novembro. Ferreiro destacou que este ano participarán "máis de 40 establecementos de hostalería de Lugo", e afirmou que o Concurso de Tapas é "o certame gastronómico máis importante da cidade"
Maite Ferreiro destacou "a importancia do concurso de Tapas para a cidade e para a nosa promoción turística como destino sostible, así como para a hostalería local". Pola súa banda, Cheché Real destacou "o compromiso da área de Turismo co sector da hostalería na realización deste concurso"
Entre o 7 e o 23 de novembro os locais participantes ofertarán as súas tapas a todas as persoas que o desexen, que exercerán de xurado popular para escoller a tapa gañadora do concurso e as finalistas, que serán avaliadas posteriormente por un xurado profesional.
As persoas que o desexen, poderán votar as distintas tapas mediante un cupón de votación individual, que deberá ir selado polos establecementos participantes. Cada tapa poderá ser puntuada cunha nota do 1 ao 5. Todos os cupóns presentados participarán no sorteo de distintos premios e, segundo o número de establecementos que se puntúen, as veciñas e veciños participantes poderán gañar distintos premios.
Os locais participantes nesta edición son: 3 Pés, A Laxa, Anda, Antas, Ave César, Bulló Xantar, Casa d’Auga Vinoteca, Casa María, Castor, Coco’s Bar, Colmado 176y9 – Pazo de Orbán, De Vega, Desnivel, Eduri, El Boni, El Dotmas Bar, Fonte do Rei 2, Glam Taoo, Gran Café – Eurostars Gran Hotel Lugo, La Cosechera de 1977, La Escalera, La Pepita Lugo, La Terraza del Méndez, Las Cinco Vigas, Malizzia Street Food, Mercure Lugo Centro – Brasas Brancas, Mesón El Castillo, Cincuenta e Seis, Figón, Galo, Mercado, Orixe do Campo, Paprica, Pasarela, Prebe, Pub Karrusel, Pulpería O Castelo, San Marcos, Taberna Pimentel, The Real Coffee, Toni Portela e Tosar by Boni.