ELECCIÓNS GALEGAS
O BNG comprométese a poñer en marcha un sistema ferroviario público que vertebre o país cun goberno de cambio liderado por Ana Pontón
Ana Miranda e Olalla Rodil participaron nun acto-denuncia da falta de conexións ferroviarias na estación de Lugo
Lugo, 7 de xullo de 2020.- A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e a cabeza doe lista do BNG de Lugo, Olalla Rodil, denunciaron o abandono que sofre Lugo a respecto das conexións ferroviarias e a escasa actividade da súa estación. As nacionalistas subliñaron que o BNG ten o firme compromiso de impulsar un sistema ferroviario público, o Galtren que vertebre o país e que dea servizo de proximidade á cidadanía cun goberno de cambio galego liderado por Ana Pontón tras o 12 de xullo.
“Unha vía sen electrificar e con moitas dificultades para chegar a outras cidades: esta é a realidade ferroviaria en Lugo”, denunciou Ana Miranda na súa visita á estación, na que tamén participou o portavoz municipal Rubén Arroxo e responsables nacionalistas da comarca. No encontro, Miranda explicou a súa propia experiencia tratando de viaxar de Vigo a Lugo: “o primeiro tren do día sae ás 17.15 da tarde e chega ás 21.26, polo que tiven que vir en coche, polo que non se pode ir e vir no día. Esta é a Galicia, Galicia, Galicia que di Feijóo”.
Para Ana Miranda esta situación é “un desleixo e un agravio, sobre todo existindo fondos europeos que poderían vir para a modernización dotren”. Neste sentido lembrou a aprobación dun fondo europeo de 320 millóns de euros do Fondo Europeo de Investimento. “Os gobernos dunha e outra cor, do PP e do PSOE están deixando fondos europeos sen executar no noso pais”, criticou a portavoz do Bloque en Europa.
“Desde o BNG queremos exercer as nosas competencias, para poder ter un tren digno, de cercanías, que una e vertebre o noso país, o noso territorio, entre a costa e o interior; e cuxos traxectos teñan un prezo normal”, explicou Ana Miranda, quen sinalou que o prezo do billete entre Vigo e Lugo é de 23,50€. “De Bruxelas a París, que son 287 quilómetros, estou en hora e media”, apuntou.
Cohesión do territorio
Pola súa banda, a candidata nacionalista Olalla Rodil, destacou que ao feito da dificultade de viaxar de Vigo a Lugo, súmase que nesta lexislatura o PP suprimiu o autobús que conectaba de maneira directa a cidade de Lugo coa cidade de Vigo. “Hoxe mesmo é imposible chegar de maneira directa por carreteira en autobús á cidade de Lugo desde Vigo. Este é o exemplo de cal é o grao de illamento que temos nesta provincia, da falta de servizos que conecten a poboación”.
“Temos claro que este 12 de xullo esta situación ten que quedar atrás. Necesitamos activar, vertebrar e cohesionar o territorio e a nosa poboación como un elemento fundamental para desenvolver todas as potencialidades que temos en Lugo”, subliñou a candidata nacionalista. Nesta liña salientou que o BNG propón a creación do Galtren, o tren de proximidade galego “facendo valer as nosas competencias para deixar atrás a Galiza parada do Partido Popular e 11 anos de desleixo e de desconexión de Lugo co resto do país”.
Segundo salientou Olalla Rodil “ten que vir un tempo novo da man de Ana Pontón e o BNG coa aposta decidida polo tren de proximidade, un medio de transporte máis sostible que calquera outro”. Ademais, a candidata doBloque lembrou o moito que leva pelexado Ana Miranda “para que Galiza se conecte co corredor atlántico de mercadorías, que tamén ten un punto clave no porto seco de Monforte, pero que segue criando silveiras por culpa do PP”, concluíu.