PARA OLALLA RODIL, “A TINERÍA REPRESENTA A FALTA DE COMPROMISO E PROXECTO DO PARTIDO POPULAR CON LUGO”
Rodil: “desde o goberno da Xunta de Galiza continuaremos a rehabilitación do barrio da Tinería”
A candidata do BNG lembrou que o proxecto iniciado nos anos nos que o BNG tivo responsabilidades de goberno na Xunta “resultou gañador do premio de Boas Prácticas das Nacións Unidas”
Lugo, 03 de xullo de 2020.- A candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil, acompañada das concelleiras e concelleiros doBNG, e de integrantes da formación en Lugo visitaron o barrio da Tinería, onde denunciaron o abandono por parte do Partido Popular dun gran proxecto para Lugo iniciado durante a época do bipartito. Rodil declarou que “é sorprendente que cada vez que chega unha campaña electoral o Partido Popular lembre a Tinería, cando en 11 anos de goberno o único que fixeron foi paralizar un proxecto necesario para o centro da cidade”.
Rodil destacou o “impulso” que desde as áreas de goberno doBNG se está a realizar “na humanización do entorno da muralla”, e contrapúxoo á “deixadez e abandono da Xunta de Galiza do Partido Popular a unha das zonas da cidade con máis potencial, tanto turístico como económico”. “As distintas deputadas e deputados do BNG levamos desde o ano 2009 esixindo á Xunta de Galiza que continúe este proxecto”, afirmou Olalla Rodil, que engadiu “concretamente, a unidade de intervención UI-7, onde se atoparon os fornos, ten un gran potencial, dado que se podería converter nun centro de investigación e nun atractivo turístico para a cidade de Lugo”.
O proxecto comezado no bipartito polo BNG, cuxo investimento ascendeu a máis de 30 millóns de euros, gañou o Premio Dubai de Boas Prácticas da ONU. Olalla Rodil afirmou que “é unha vergoña o estado no que se atopa esta zona da cidade, despois do impulso feito pola Consellería de Vivenda para rehabilitalo”. “O 12 de xullo, as veciñas e veciños de Lugo teñen a oportunidade, votando ao BNG, de asegurar que o vindeiro goberno liderado por Ana Pontón reactive as actuacións da Tinería despois de 11 anos de parálise”, sentenciou Olalla Rodil.