ESTE XULGADO DEBERÍA TER UN ÁMBITO PROVINCIAL E ATENDER, CON PERSOAL ESPECIALIZADO, TODOS OS CASOS DOS CONCELLOS LUCENSES
O BNG iniciou a campaña de recollida de sinaturas para reclamar un xulgado de violencia machista para Lugo
Instalaranse mesas de recollida de sinaturas en diferentes puntos da cidade durante as vindeiras semanas
A creación dun xulgado específico de violencia de xénero para Lugo é unha demanda histórica do BNG non só na cidade senón no conxunto das comarcas que se insiren na provincia e “trátase dunha demanda que parte de diferentes colectivos de mulleres” explicou Maite Ferreiro sinalando que “a nosa intención é recoller apoios para esta iniciativa e tamén socializar entre a veciñanza a importancia de contarmos con maiores recursos xudiciais, tanto humanos, materiais como económicos, na loita contra a violencia machista”.
En 2016, segundo os datos publicados recentemente polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) na provincia de Lugo 671 mulleres denunciaron casos de violencia machista, case dúas ao día. No conxunto do país presentáronse 5.683 demandas. O número máis elevado desde 2010 e case 500 denuncias máis que en 2015. Desde o BNG queremos este recurso para atender de maneira acaída as mulleres da provincia pero tamén queremos que a campaña que hoxe lanzamos sirva para concienciar o conxunto da sociedade.
Este xulgado terá que dar atención a mulleres de toda a provincia, para que estes casos teñan un tratamento axeitado. Maite Ferreiro precisou que “aínda que esta decisión depende do Consello Xeral do Poder Xudicial, ten que ser a Xunta de Galiza quen faga as xestións necesarias para que esto sexa posible e é fundamental o apoio das administracións locais”. A edil nacionalista lembrou as disparatadas cifras dos casos de violencia de xénero. Neste momento unicamente as cidades de Vigo e Coruña dispoñen de xulgado específico de violencia de xénero.
A posta en marcha deste xulgado en Lugo podería dar cobertura a toda a provincia e compre unha dotación mínima de persoal que inclúe as figuras de xuíz, fiscal, forense, secretario e funcionariado adscrito. Segundo informou Maite Ferreiro este xulgado podería atender os casos de violencia: maltrato, acoso e custodia de menores, ademais do seguimento de ordes de alexamento antes e despois do xuízo. Neste momento é o xulgado de instrución nº3 é o que se encarga en Lugo deste tipo de casos aínda que a adxudicación da praza de xuíz foi por orde de traslado pero non se considerou a súa formación neste tema.