A PROPOSTA DE CREACIÓN DUNHA ESCOLA MUNICIPAL DE TEATRO XA FIGURABA NO PROGRAMA DE GOBERNO CO QUE O BNG-AA SE PRESENTOU ÁS ELECCIÓNS MUNICIPAIS
O BNG-AA propón a creación da Escola Municipal de Teatro no Antigo Cárcere e dotación económica para o 2017
“O goberno terá que falar con todas as persoas e colectivos que se adican ao teatro para deseñar esta Escola que debe ser referente” afirmou Maite Ferreiro
Lugo, 22 de marzo de 2017. A edil do BNG-AA no concello de Lugo, Maite Ferreiro, propuxo que de cara a este ano 2017 se empece a traballar na posta en marcha dunha Escola Municipal de Teatro. A proposta de creación dunha Escola Municipal de Teatro xa figuraba no programa de goberno co que o BNG-AA se presentou ás eleccións municipais. Maite Ferreiro destacou o incremento da actividade vencellada ao teatro no concello de Lugo e destacou a implicación e traballo de todos os colectivos e persoas que traballan neste eido.
Maite Ferreiro explicou que “para a creación da Escola Municipal de Teatro fan falta tres cousas: unha partida orzamentaria, un espazo e vontade política para poñela en marcha” e engadiu “Lugo conta con toda a experiencia e coñecemento grazas a toda a xente que leva moitos anos entregada ao mundo do teatro e que sabemos colaborarán co concello para que a Escola Municipal de Teatro sexa unha realidade”. “O goberno terá que falar con todas as persoas e colectivos que se adican ao teatro para deseñar esta Escola que debe ser referente” afirmou Maite Ferreiro.
A respecto do espazo para albergar a Escola Municipal de Teatro, Ferreiro lembrou que “Lugo contará, en breve, con dous novos edificios para os que o goberno municipal aínda non ten usos previstos”. O edificio do Cárcere sería un dos lugares idóneos para a nova Escola Municipal de Teatro “tamén podería estar no novo auditorio ou, incluso, no Gustavo Freire” dixo a edil nacionalista. Maite Ferreiro sinalou que Lugo xa conta con centros públicos para o ensino da danza, de música e artes plásticas pero carece dun centro público de formación nas artes escénicas.
“O éxito do proxecto Buxiganga que o BNG puxo en marcha dende a Deputación de Lugo, cando tivo responsabilidades de goberno, garante o éxito e a necesidade da posta dunha Escola Municipal de Teatro na cidade de Lugo” dixo Maite Ferreiro que apostou por apoiar as artes escénicas e facer que Lugo teña unha vida cultural intensa ademais de “potenciar os grupos profesionais e afeccionados e facilitar espazos para ensaios e estreas das producións que se fan dende Lugo”. Para BNG-AA “despois do éxito que supuxo a posta en marcha da Escola Municipal de Música, na etapa na que o BNG dirixiu o departamento de cultura do concello de Lugo, a creación da Escola Municipal de Teatro non ten que supoñer ningunha dúbida para o goberno actual”.