“REMATOUSE A INSTALACIÓN DA ILUMINACIÓN DO RATO E ONDE HAI UNHA INSTALACIÓN FEITA NON SE PON A FUNCIONAR” APUNTOU O VOCEIRO DO BNG
O BNG pide solucións para a iluminación do parque de Paradai
Arroxo lembrou que as luminarias están colocadas dende o ano 2012 e nunca entraron en funcionamento
Lugo, 19 de febreiro de 2019. O voceiro do BNG, Rubén Arroxo, reclamou a inmediata posta en marcha do alumeado público do paseo do Rato na zona de Paradai. Arroxo indicou que a zona que carece de iluminación está situada nas inmediacións dos hortos urbanos da parte alta do Rato “a pesares de que hai farolas e luminarias instaladas e conectadas á rede dende o ano 2012 aproximadamente”. “Fíxose o gasto de instalación das farolas pero agora non dan servizo pola falta de xestión” dixo Rubén Arroxo.
Arroxo sinalou que esta zona foi urbanizada hai xa 7 anos, mais a pesar diso a día de hoxe segue sen funcionar o sistema de iluminación, cuestión que provoca incomodidades e inseguridade á veciñanza que vive na zona, especialmente as veciñas e veciños da rúa Camiño da Roca que atravesan polo propio parque de Paradai para acudir ás súas vivendas por ser o camiño máis curto.
Nesta zona existen vivendas nas inmediacións e sería unha zona moi utilizada durante as épocas de inverno nas que os días contan con poucas horas de luz. Para as veciñas e veciños que trasladaron esta cuestión ao BNG “non é entendible que non se dea unha solución para que as luminarias instaladas comencen a funcionar despois de tanto tempo”.
Rubén Arroxo “instalouse iluminación en todo o paseo do Rato e onde hai a instalación feita non se pon a funcionar”. Para o BNG os investimentos públicos teñen que dar servizo ás persoas e non serivir unicamente para derivar cartos das institucións ás empresas que fan as obras de instalación “dende os gobernos existe a responsabilidade de finalizar e poñer a funcionar todo aquelo que se fai con fondos públicos” concluíu Arroxo.