FERREIRO REFERIUSE Á NECESIDADE DE “MANTER A COMUNICACIÓN ENTRE AS ADMINISTRACIÓNS PARA PREVIR SUCESOS COMO O ACONTECIDO RECENTEMENTE”

O BNG propón que a Subdelegada do Goberno ou o Delegado da Xunta que convoquen a Mesa Técnica de Violencia de Xénero

IMG_0630

Maite Ferreiro sinalou que “está claro que a alcaldesa, e o goberno municipal non queren convocala pero máis que nunca é precisa a súa convocatoria”

O BNG propón que a Subdelegada do Goberno ou o Delegado da Xunta que convoquen a Mesa Técnica de Violencia de Xénero

Lugo, 2 de xaneiro de 2019. A edil no concello de Lugo, Maite Ferreiro anunciou que o BNG proporá que a Mesa Técnica sobre violencia de xénero sexa convocada dende a Xunta de Galiza ou dende a Subdelegación do Goberno. Maite Ferreiro dixo que “todas as institucións teñen que analizar en que estamos fallando para que sucedan cousas como as que estamos a ver nestes días”. A edil do BNG lembrou que “esta mesa técnica tiña como obxectivo reunir, cada tres meses, a todos os axentes implicados na prevención e tratamento dos casos de violencia de xénero”.

Maite Ferreiro sinalou que “está claro que a alcaldesa, e o goberno municipal non queren convocala pero máis que nunca é precisa a súa convocatoria”. A xunta local de seguridade constituíu no ano 2010 unha mesa técnica de violencia de xénero para a mellora da atención a vítimas de violencia de xénero. Maite Ferreiro sinalou que “en Lugo, neste últimos días, sucederon cousas que nos obrigan a analizar como estamos actuando dende as institucións” e “tendo en conta que as competencias neste tema están claramente delimitadas, hai que traballar conxuntamente para facer un seguimento da situación e colaborar para mellorar as actuacións específicas”.

A edil nacionalista afirmou que “a administración local, en canto é a instancia mais próxima á cidadanía, configúrase cómo espazo privilexiado para a intervención con mulleres vítimas de violencia machista”. Así mesmo, neste ámbito a coordinación supón un aspecto esencial da intervención, posto que, se partimos dunha actuación global e integral, esta só é posible coa estreita cooperación entre profesionais, facilitando unha atención eficaz, inmediata e que cubra a totalidade da rede de atención a persoas que sofren esta problemática.

Incumprimento nas convocatorias

Maite Ferreiro lembrou que na constitución desta mesa técnica “as reunións da mesa serían convocadas pola Concellería de Igualdade e Benestar, cunha periodicidade trimestral, levantándose acta dos acordos adoptados” e engadiu que “é algo que non se está a cumprir”. Tamén se podería reunir a mesa de forma extraordinaria sempre que o solicite calquera das institucións ou organismos representados, mediante convocatoria da Concellería de Igualdade e Benestar “e iso é o que reclamamos hoxe” afirmou Maite Ferreiro.

O BNG propón que a Subdelegada do Goberno ou o Delegado da Xunta que convoquen a Mesa Técnica de Violencia de Xénero