O BNG RECLAMA A SOBERANÍA PARA GALIZA E OS GALEGOS E GALEGAS
O BNG xunto a agrupacións nacionalistas reclamaron hoxe en toda Galiza a soberanía para o pobo galego manifestándose diante das sedes do PP nas principais cidades
Lugo, 22 de febreiro de 2013. O BNG, xunto a organizacións coma Galiza Nova e a CIG, os Comités, a Liga Estudantil Galega, Movemento pola Base, Fruga, CCPI, AGIR, AMI, ISCA, LEG, NÓS-UP, organiza este venres e o próximo martes 26 unha serie de concentracións reivindicando a soberanía plena e contra o empobrecemento xeral da poboación. Na concentración diante da sede do PP en Lugo, na rúa Ramón Cabanillas, estiveron os concelleiros do BNG en Lugo, a vicerresponsábel comarcal do BNG de Lugo-Centro, Esther López, o deputado lucense do BNG no Parlamento Galego, Cosme Pombo e militantes e simpatizantes do BNG e de Galiza Nova.
O BNG defende, sen medias tintas, a soberanía nacional como solución aos problemas e o empobrecemento que sofre o noso país como resultado das políticas neoliberais da Xunta da Galiza e o Goberno Central. Este sistema centrado en Madrid, herdado do século XIX, condena ao noso país a sufrir unha destrución social e cultural cíclica con grandes doses de corrupción.
O BNG critica que asistimos desde hai tempo a unha paulatina perda da capacidade de decisión das administracións locais e dos gobernos autonómicos, unha negación interesada do principio de subsidiariedade que obriga a achegar a administración ao administrado. Unha corrente de recentralización do Estado pactada polas dúas grandes organizacións políticas que pretenden así perpetuar o bipartidismo, atrevéndose incluso a modificar arbitrariamente a noutros casos sacrosanta Constitución. Este é precisamente o camiño que nos leva a non saír do pozo, a supeditar o futuro da nosa nación aos intereses doutras institucións.
O BNG ten claro cal debe ser a senda que leve ao noso país, a Galiza, a ter un futuro diferente ao que nos impoñen desde fora. Unha folla de ruta que teña como obxectivos unha maior xustiza social, a posibilidade real de desenvolver as nosas capacidades produtivas e ter voz propia nas institucións europeas e mundiais que están escribindo o noso destino, sen que nós, como pobo, sexamos capaces de variar unha triste coma.
A nosa nación debe ser consciente da gravidade do momento e darnos conta, como galegos e como galegas, que o noso País non terá futuro se nós non somos quen de decidir o seu propio rumbo. Por iso BNG aposta firmemente pola recuperación da democracia, da recuperación do papel do pobo na toma de decisións e da supremacía das decisións políticas en favor das maiorías sociais sobre as chantaxes especuladoras do gran capital, algo para o que cómpre, máis que nunca, a soberanía do noso pobo.
Porque a sociedade está farta de inxustiza, farta de ver como é estafada polos bancos que foron rescatados con diñeiro dos seus impostos, de ver como é botada á rúa fóra da súa casa por desafiuzamentos infames mentres hai milleiros de vivendas baleiras, de sufrir un encarecemento e empeoramento de todos os servizos sociais públicos, desde a educación até a sanidade, pasando pola xustiza.
Por todas estas razóns, o BNG saíu á rúa simultaneamente en todo o país diante das sedes do PP, para reclamar o dereito de Galiza a decidir por si mesma e a esixir que se termine a corrupción dos dirixentes actuais e o ataque a todos os servizos públicos.