OLALLA RODIL: "INSTAMOS Á XUNTA DE GALIZA A RECUPERAR AS LIÑAS DE AXUDAS PARA O MANTEMENTO E REHABILITACIÓN DAS PALLOZAS ASÍ COMO A PROMOVER UNHA MESA DE TRABALLO CO DEPUTACIÓN E O CONCELLO PARA ELABORAR PLANS DE ACTUACIÓNS URXENTES"
O BNG reclamará no Parlamento Galego unha intervención integral para o mantemento e restauración das Pallozas do Piornedo

Olalla Rodil: "Instamos á Xunta de Galiza a recuperar as liñas de axudas para o mantemento e rehabilitación das Pallozas así como a promover unha mesa de traballo co Deputación e o Concello para elaborar plans de actuacións urxentes"
Cervantes 6 de Febreiro de 2025.- Desde o BNG estivemos en Piornedo visitando con Olalla Rodil, deputada no Parlamento Galego e Daniel García, deputado de Medio Rural na Deputación de Lugo, xunto as persoas propietarias as pallozas para coñecer de primeira man o estado no que se atopan estas edificacións, únicas en Europa, que son Ben de Interese Cultural de Galiza. Na visita, puidemos comprobar a necesidade de levar a cabo unha renovación urxente dos teitos da maior parte delas e mesmo nalgúns casos de facer unha intervención integral para restaurar a estrutura.
"Os temporais que vivimos nas últimas semanas agravaron unha situación que vén de lonxe porque o deterioro nos teitos das pallozas non é de agora. O aire e a choiva destes días fixo máis evidente un problema estrutural do que é responsábel a Xunta de Galiza polo abandono de Piornedo os últimos dez anos", explica a deputada nacionalista.
Cómpre lembrar que o Goberno do Partido Popular eliminou en 2010 as axudas anuais que existían para teitar as pallozas o que fai dificilísimo ás persoas propietarias poder garantir o seu mantemento e conservación. Desde a Deputación de Lugo, a Área de Medio Rural que leva o BNG investiu 20 mil euros os últimos anos en axudas para garantir a conservación das pallozas de Piornedo, pero é necesaria a implicación da Xunta de Galiza se realmente se quere garantir a conservación deste patrimonio colectivo que é parte da identidade de Galiza.
"Malia as denuncias e sinais de alarma lanzadas pola veciñanza e as persoas propietarias, o Goberno galego non dispuxo ningún tipo de axuda para levar a cabo os labores de recuperación cada vez máis custosas e complexas pola escaseza mesmo de profesionais con coñecementos para levalas a cabo", recordou Olalla Rodil.
Por iso, desde o BNG imos trasladar ao Pleno do Parlamento a próxima semana a preocupación da veciñanza de Piornedo e reclamar á Xunta de Galiza 2 compromisos concretos. En primeiro lugar, a recuperación inmediata do programa de axudas anual que o PP suprimiu, sen explicación ningunha , en 2010 para garantir o mantemento dos teitos. En segundo lugar, a creación dun grupo de traballo conxunto co Concello de Cervantes e coa Deputación de Lugo para que cada administración, dentro das súas posibilidades e das súas responsabilidades, colaboren no mantemento das pallozas porque son un patrimonio único e importantísimo que é preciso preservar.
"Porque este conxunto do Piornedo é parte da identidade das galegas e galegos así como con un valor incalculabel para as xeracións de hoxe pero sobretodo para as xeracións de maña", concluíu Olalla Rodil