NON SE FIXO PÚBLICO O INFORME DA EMPRESA SOBRE A SITUACIÓN DAS ACTUAIS LIÑAS E SOBRE AS NECESIDADES DE TRANSPORTE PÚBLICO DE PERSOAS PARA O CONCELLO DE LUGO
O BNG-AA denuncia “un total escurantismo” nas negociacións entre o PSOE e Monbus sobre o contrato do transporte público
Rubén Arroxo sinalou que “debería reunirse a Mesa da Mobilidade para a analizar a proposta da empresa que aínda non se sabe se existe ou non”
A xunta de goberno local de Lugo adxudicou en febreiro de 2016 o contrato de explotación por 10 anos do servizo de transporte urbano de Lugo e con opción de cinco anos máis. Naquel momento a empresa lucense presentara a mellor das ofertas económicas por kilómetro recorrido, 2,10 euros frente a 2,16 que ofrecía a empresa catalana Marfina. No propio contrato de adxudicación explicitábase que a empresa adxudicataria tiña un prazo de un ano para presentar un plan de reforma do servizo.
Arroxo sinalou que se trata dun contrato por un importe total de 60.799.083,42 euros e “as persoas usuarias e todas as lucenses debemos coñecer en que condicións se vai desenvolver o servizo e con que liñas imos contar”. Arroxo pediu, unha vez máis, “a xuntanza da Mesa da Mobilidade para coñecer e analizar a proposta da empresa e se está proposta é a que Lugo precisa para contar cun bon servizo de transporte” xa que “as liñas actuais foron deseñadas no ano 1.999, no século pasado, e dende aquela Lugo cambiou moito e hai que adaptar a oferta de transporte ás necesidades actuais”.
Son coñecidos os constantes datos de caida no número de persoas usuarias e novo proxecto de servizo de transporte urbano debería analizar cales son as causas desta caida de usuarios e as posibles solucións. “En frebreiro decíase que en menos de 12 meses se presentaría un proxecto de novas liñas de autobuses e a día de hoxe nada se sabe” lembrou Arroxo que tamén explicou que “non se reuniu ao grupos políticos nin se lles deu cauce para presentar e consensuar propostas sobre o que debe ser o novo servizo, nin se fixo público informe ningún da empresa”. Dende o BNG–AA tamén se lamenta que “non se traslade o resultado obtido nas xuntanzas da alcaldesa nos barrios e en que medidas se van ter en conta as propostas das veciñas e veciños”.
Paneis informativos
Ademais o voceiro do BNG-AA reclamou que “se teña unha vixilancia escrupulosa sobre o funcionamento dos paneis informativos sobe a chegada dos buses”. Para ter un bo servizo de transporte urbano é necesario que funcione ben a información sobre os horarios de chegada e saída dos autobuses. Arroxo advertiu que “na parada da rúa Montero Rios, preto da ronda da Muralla o panel informativo na facilita información sobre o tempo de chegada dos autobuses”.