ESTE XULGADO DEBERÍA TER UN ÁMBITO PROVINCIAL E ATENDER, CON PERSOAL ESPECIALIZADO, TODOS OS CASOS DOS CONCELLOS LUCENSES

O BNG inicia unha campaña de recollida de sinaturas para reclamar un xulgado de violencia machista para Lugo

IMG_2894

“En 2016, na provincia de Lugo, 671 mulleres denunciaron casos de violencia machista, case dúas ao día” sinalou Olalla Rodil

O BNG inicia unha campaña de recollida de sinaturas para reclamar un xulgado de violencia machista para Lugo

Lugo, 15 de marzo de 2017. O BNG inicia unha campaña de recollida de sinaturas para reivindicar a creación dun xulgado específico de violencia de xénero para Lugo. “É unha demanda histórica do BNG non só na cidade senón no conxunto das comarcas que se insiren na provincia” así o explicaron en rolda de prensa Olalla Rodil, parlamentaria do BNG, que estivo acompañada concelleiras do BNG nos concellos da comarca de Lugo. “É unha demanda que parte de diferentes colectivos de mulleres” explicou Rodil e dixo que “poderemos recoller apoios para esta iniciativa mais tamén socializar entre a veciñanza a importancia de contarmos con maiores recursos xudiciais, tanto humanos, materiais como económicos, na loita contra a violencia machista”.

En 2016, segundo os datos publicados recentemente polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) na provincia de Lugo 671 mulleres denunciaron casos de violencia machista, case dúas ao día. No conxunto do país presentáronse 5.683 demandas. O número máis elevado desde 2010 e case 500 denuncias máis que en 2015. Desde o BNG queremos este recurso para atender de maneira acaída as mulleres da provincia pero tamén queremos que a campaña que hoxe lanzamos sirva para concienciar o conxunto da sociedade.

As nacionalistas explicaron que o BNG xa presentara unha emenda aos orzamentos da Xunta no ano 2015 e o concello de Lugo aprobou unha proposición por unanimidade, nestes mesmo senso, na sesión do mes de febreiro de 2016. Dende o BNG lamentaron que o goberno da Xunta, nunha das súas primeiras decisións políticas deste mandato, deixara a Lugo sen ningún novo xulgado mentres que si se asignaron ás outras provincias galegas. A proposta que defendemos suporía comarcalizar este servizo e que o Xulgado acollese todos os casos que se produzan en Lugo, sendo atendidos por profesionais especializados e con formación na materia. Neste momento non existe unha quenda específica de turno de oficio con profesionais para atender este tipo de casos.

Este xulgado terá que dar atención a mulleres de toda a provincia, para que estes casos teñan un tratamento axeitado. Maite Ferreiro precisou que “aínda que esta decisión depende do Consello Xeral do Poder Xudicial, ten que ser a Xunta de Galiza quen faga as xestións necesarias para que esto sexa posible e é fundamental o apoio das administracións locais”. A edil nacionalista lembrou as disparatadas cifras dos casos de violencia de xénero.

Neste momento unicamente as cidades de Vigo e Coruña dispoñen de xulgado específico de violencia de xénero. A posta en marcha deste xulgado en Lugo podería dar cobertura a toda a provincia e compre unha dotación mínima de persoal que inclúe as figuras de xuíz, fiscal, forense, secretario e funcionariado adscrito. Segundo informou Olalla Rodil este xulgado podería atender os casos de violencia: maltrato, acoso e custodia de menores, ademais do seguimento de ordes de alexamento antes e despois do xuízo. Neste momento é o xulgado de instrución nº3 é o que se encarga en Lugo deste tipo de casos aínda que a adxudicación da praza de xuíz foi por orde de traslado pero non se considerou a súa formación neste tema.

O BNG inicia unha campaña de recollida de sinaturas para reclamar un xulgado de violencia machista para Lugo