O BNG-AA PROPORÁ BUSCAR FÓRMULAS PARA ELIMINAR SEMÁFOROS NOS CRUCES DA RONDA APROVEITANDO SISTEMAS DE CALMADO DO TRÁFICO QUE MELLOREN A FLUIDEZ E A SEGURIDADE
O BNG-AA proporá no Pleno a peonalización do recinto amurallado e do tramo da Mosqueira no 2017
“Con pasos de peóns elevados poderían retirarse moitos semáforos da ronda e a circulación gañaría en fluidez e seguridade” dixo Rubén Arroxo
Lugo, 8 de marzo 2016. Tras a posta en marcha da redución de velocidade a 30 km/h na ronda da Muralla, o voceiro do BNG – AA anunciou unha iniciativa para ser tratada no pleno da corporación municipal na que proporá que se acometa, neste ano 2017, a peonalización do recinto interior da Muralla e do tramo da Mosqueira. Arroxo sinalou “esta peonalización farase respectando o acceso a garaxes, parkings, vehículos de transporte público e servizos de carga e descarga”.
“Temos que buscar outro modelo de circulación no interior do recinto amurallado dando prioridade ás persoas sobre os vehículos en todas as vías” Arroxo sinalou. Rubén Arroxo apostou por converter a rúa Montevideo, Bolaño Rivadeneira, Quiroga Ballesteros e Amor Meilán en vías de plataforma única ao igual que se faría nas prazas do Ferrol e Santo Domingo. “Nas vías de plataforma única é o vehículo quen invade o espazo das persoas e isto xa é un factor que inflúe psicoloxicamente sobre quen conduce para tomar unha posición de respecto ás persoas”.
Arroxo dixo que “o recinto interior da Muralla é a zona monumental máis importante da cidade de Lugo e a día de hoxe conta con un valiosos elementos distinguidos como Patrimonio da Humanidade” e por iso “é unha responsabilidade da corporación local e das institucións traballar para que a cidade e o seu casco histórico, ademais de ser un atractivo turístico, continúe sendo un espazo habitado no que lucenses e visitantes conflúan”.
Para o BNG-AA “Iniciouse un interesante proceso de calmado do tráfico na ronda da Muralla que ten que avanzar cara unha total peonalización do entorno do monumento”. “Despois de ter aprobado esta corporación unha iniciativa para acometer a peonalización do tramo da ronda da Muralla da Mosqueira entendemos que hai que traballar, tamén, para rematar a peonalización no recinto interior da Muralla e mudar o xeito de entender a circulación no recinto interior da muralla é necesario para converter a nosa cidade nun lugar amable coas persoas” afirmou o voceiro do BNG-AA.
Máis pasos de peóns e menos semáforos
“Con pasos de peóns elevados poderían retirarse moitos semáforos da ronda e a circulación gañaría en fluidez e seguridade” dixo Rubén Arroxo que apostou por incrementar o número de pasos de peóns “dándolles unha función de calmado do tráfico que se sume á limitación legal de velocidade”. Situando pasos de peóns elevados nas interseccións das rúas que conflúen coa ronda poderían eliminarse varios semáforos para facer o tráfico máis fluído e áxil cunha velocidade constante dos vehículos que circulen pola ronda mentres non se acometa a peonalización total da ronda.
Futura peonalización da Ronda
Para o BNG o futuro da Ronda da Muralla ten que ser peonil, e os desenvolvementos que se fagan na cidade teñen ir tendo iso no horizonte. “Hai que ir tomando medidas de cara a disuadir o tráfico da Ronda, e cómpre apostar por itinerarios alternativos, ao igual que ter presente rematar as unións de rúas para pechar o anel da Segunda Ronda, deseñar aparcadoiros disuasorios na contorna do casco histórico, e revisar a regulación semafórica para axilizar o tráfico”.