O VINDEIRO 19 DE ABRIL CELEBRARASE O VINDEIRO ACTO QUE ESTÁ, TAMÉN, ENMARCADO NOS ACTOS PROMOVIDOS POLO BNG EN RELACIÓN COA CELEBRACIÓN DO 8 DE MARZO
O BNG iniciou unha serie de encontros, en Lugo, sobre a necesidade do feminismo
Coa participación de Olalla Rodil e Teresa González Piñeiroá celebrouse o primeiro dos encontros baixo o título Por que é necesario o feminismo?
Lugo, 7 de marzo 2016. Con máis de medio cento de asitentens celebrouse o primeiro dos encontros sobre o feminismo que, baixo o título Por que é necesario o feminismo?, promoveu o BNG. Neste primeiro encontro participaron Olalla Rodil, Deputada do BNG no Parlamento Galego, e Teresa González Piñeiroá, mestra e activista do feminismo. “Con este acto abrimos unha reflexión conxunta sobre a necesidade do feminismo neste século XXI” dixo Olalla Rodil. O seguinte encontro celebrarase o vindeiro 19 de abril para falar sobre Patriarcado e Capitalismo. No segundo dos encontros participarán a Doutora en Ciencias Económicas e Empresariais, Mª Carme García Negro, e a Deputada do BNG no Parlamento, Noa Presas.
Rodil salientou que a crise agudizou a discriminación e a desigualdade laboral das mulleres. “Coa crise medrou a desprotección das mulleres no ámbito laboral, agora máis vulnerables, e o Estado en vez de amparalas o que fixo foi aprobar normas que nos restan mecanismos para defender os nosos dereitos”, indicou. Citando o informe 2016 do Fondo Mundial Económico, ao ritmo actual precísanse 170 anos para acadar a igualdade económica entre homes e mulleres.
Os actos programados para Lugo están enmarcados nunha campaña promovida polo BNG baixo o lema O acoso laboral é desigualdade, é violencia: Erradiquémolo. O BNG pon en marcha esta campaña con motivo do 8M centrada na loita contra o acoso laboral e da man de mulleres que sufriron esta forma de violencia e tiveron a coraxe de denunciar e defender os seus dereitos. Dende o BNG destacouse a escalada de asasinatos de mulleres, -16 en dous meses-, a causa do terrorismo machista como expresión extrema de desigualdade e de violencia e criticou a falta de implicación da Administración pública que non ve nestes crimes un problema de Estado.
O Bloque propón medidas específicas para combater o acoso sexual no traballo e o acoso laboral por razón de sexo, en particular as que poden implementarse na Administración pública, “para dar exemplo”. Así, o BNG propón que as administracións rescindan as contratacións con empresas que teñan condenas por acoso sexual e moral e incluír nos pregos de contratación penalizacións e rescisión de contratos por causa de discriminación por xénero ou orientación sexual. O Bloque tamén pide que se faga un estudo de avaliación da Lei galega de igualdade, tras doce anos de funcionamento e unha revisión dos protocolos de actuación e protección das mulleres que sofren acoso laboral.