EDILES DO BNG DE DIFERENTES CONCELLOS E A PARLAMENTARIA OLALLA RODIL ESCENIFICARON DIANTE DA DELEGACIÓN DE FACENDA A DISCRIMINACIÓN Á QUE SOMETE O ESTADO AOS CONCELLOS GALEGOS
“Co actual sistema de finanzamento, Lugo perde 16,8 millóns a respecto da media estatal” afirmou Olalla Rodil
No ano 2016 os concellos galegos percibiron do estado 50 € menos por habitante, con 209 €/habitante, que a media do estado situada en 259 €/habitante
Lugo, 10 de febreiro de 2017. A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, participou nun acto simbólico diante da delegación da Axencia Estatal Tributaria para denunciar a discriminación económica á que están sometidos os concellos galegos a respecto do resto do estado. Segundo informou Olalla Rodil “co actual sistema de finanzamento, Lugo perde 16,8 millóns a respecto da media estatal”. A participación dos concellos nos tributos do Estado (PIE) é unha liña financeira garantida a través do artigo 142 da Constitución, que ten como principal finalidade contribuír cos recursos suficientes para os concellos atenderen as competencias locais e constitúe aproximadamente o 30 % dos recursos que obteñen os concellos
Co actual sistema, vixente desde 2004, xéranse uns desequilibrios esaxerados, que prexudican notablemente aos concellos galegos. Galiza perde 136,6 millóns de euros a respecto da media estatal. Facendo as contas en función da poboación, os concellos deixan de recibir 50 € por habitante, xa que en Galiza a media é de 209 por habitante e ano, mentres que a media estatal é de 259 € por habitante ano. Esta merma no finanzamento, sumado ás condicións demográficas e de dispersión poboacional dos nosos concellos, supón unha auténtica discriminación económica por parte do goberno do estado español.
Concelleiras e concelleiros do BNG en concellos da comarca de Lugo exhibiron cartaces nos que se manifestaba como afecta a cada un dos concellos este déficit nas aportacións do estado. Olalla Rodil sinalou que “esta falta de finanzamento, finalmente, repercute na calidade e cantidade de servizos que perciben as nosas veciñas e veciños”. Rodil puxo como exemplo a provincia de Lugo na que os concellos deixaron de percibir, no ano 2016, uns 16,8 millóns de euros a respecto de outras provincias das mesmas características situadas noutras partes do estado.
O BNG presentará iniciativas nos concellos galegos co ánimo de reverter esta situación e reequilibrar os fondos que os nosos municipios reciben do estado. A carón dos tributos propios, a PIE (Participación de Ingresos do Estado) é o recurso financeiro máis importante dos concellos. Non é unha subvención (as subvencións apenas son o 10 por 100 dos orzamentos municipais, vinculadas a servizos compartidos con outras administracións). O PIE correspóndelles, aos concellos, como garantía financeira para atender as competencias legais atribuídas. Ten unha magnitude importante, dado que representa arredor do 30 por 100 dos ingresos municipais, só superada polos tributos propios que son case o 50 por 100.