O CONVENIO COA DEPUTACIÓN PODE SER A AMPLIACIÓN DA PRIVATIZACIÓN DOS SERVIZOS ELÉCTRICOS MUNICIPAIS

O CONVENIO COA DEPUTACIÓN PODE SER A AMPLIACIÓN DA PRIVATIZACIÓN DOS SERVIZOS ELÉCTRICOS MUNICIPAIS

IMG_2996O BNG xa presentara unha batería de preguntas, o pasado día 12 de marzo, sobre o control das facturas eléctricas que o concello ten que paga 

“Hai que reforzar o servizo público municipal e non eliminarlle competencias e restarlle persoal para rematar de privatizalo” dixo Paz Abraira

Lugo, 19 de marzo, 2014. A voceira nacionalista no concello de Lugo, Paz Abraira, denunciou o que para o BNG é “un novo intento de rematar a privatización dos servizos eléctricos municipais”. Abraira referiuse ao acordo ao que chegou o concello de Lugo coa Deputación para elaborar unha auditoría enerxética. A voceira do BNG lembrou que “o concello de Lugo xa ten feita unha auditoría enerxética das súas instalacións polos servizos eléctricos municipais”. Para o BNG resulta interesante que se fagan os correspondentes estudos para asegurarse un bo funcionamento enerxético do concello mais “sorprende que non se tivese en conta aos servizos eléctricos do propio concello para buscar alternativas de aforro enerxético mentres que se recurre a ofertas que veñen dende fora.”

Segundo a edil nacionalista “os servizos eléctricos municipais descoñecen en que termos se vai facer a auditoría anunciada por concello e deputación” e para Abraira “deberían ser eles os que determinaran que é o que hai que revisar, onde poden estar esas posibles fugas de consumo eléctrica e que é o que hai que mellorar”. O concello ten un servizo eléctrico que sempre levou a regulación e control do que ten que ver co subministro eléctrico no concello. Recentemente xubilouse o funcionario que revisaba todas as facturas de electricidade que chegaban ao concello de Lugo e das que moitas delas son devoltas ás empresas por intentos de cobro indebidos.

O BNG presentou, xa o pasado 12 de marzo, unhas preguntas solicitando información sobre quen está adicado, neste momento, a revisar as facturas que o concello recibe por subministros enerxéticos. Ademais o goberno municipal terá que responder, na comisión do vindeiro 31 de marzo, se hai un control pormenorizado de todas e cada unha das facturas de electricidade que se lle cargan ao concello de Lugo e sobre a porcentaxe de facturas de enerxía se devolven ás empresas emisoras por un intento de cobro indebido.

Para o BNG é unha preocupación “que se pretenda ampliar o contrato da empresa que se encarga do mantemento do alumeado público, que está caducado, e que se queira ampliar máis a privatización dos servizos eléctricos no concello de Lugo”. “O que hai que facer é reforzar o servizo público municipal e non eliminarlle competencias e restarlle persoal para rematar de privatizalo”  dixo Paz Abraira e engadiu que “non se poden seguir privatizando o servizo eléctrico e que sexa o persoal municipal, que está perfectamente capacitado, o que estableza as medidas que se deben tomar para mellorar o aforro enerxético”.

Paz Abraira informou que “o BNG presentará novas preguntas para a comisión do día 31 de marzo para saber quen vai ser o técnico municipal que vai realizar o control desta auditoría externa que se pactou coa Deputación”. Abraira sinalou que “como xa é tradicional o goberno municipal ignora aos servizos eléctricos do concello mentres que tería que ser este servizo o que dirixira a política eléctrica municipal”.

Grandes consumidores con facturas de máis de 30.000 €

Paz Abraira dixo que “os grandes consumidores de electricidade do concello son a nova depuradora de augas residuais e a estación potabilizadora de auga”. Paz Abraira afirmou que o MIHL é outra das instalacións municipais con un elevadísimo consumo enerxético. Este museo ten 2 bombas de achique funcionando de xeito permanente para evitar que a instalación se inunde. Estas instalacións, poden chegar a facturas bimensuais de máis de 30.000. Para o BNG compre que, “debido ao elevado custe que supón para o concello o pago de enerxía eléctrica compre que exista unha revisión técnica e pormenorizada das facturas que se reciben”.

O CONVENIO COA DEPUTACIÓN PODE SER A AMPLIACIÓN DA PRIVATIZACIÓN DOS SERVIZOS ELÉCTRICOS MUNICIPAIS