O BNG APOIA A MOBILIZACIÓN DAS E DOS USUARIOS DO CENTRO "ANTE UN DEREITO TAN BÁSICO COMO A INTIMIDADE"
A deputada Olalla Rodil acompañada polos concelleiros do BNG en Lugo Alexandre Penas e Cristina López participan nunha nova mobilización das e dos usuarios da residencia das Gándaras
O BNG apoia a mobilización das e dos usuarios do centro "ante un dereito tan básico como a intimidade"
As usuarias e usuarios do centro mobilízanse cada semana reclamando unhas instalacións dignas
As usuarias e usuarios do centro mobilízanse cada semana reclamando unhas instalacións dignas
16 mar. 2026 - 11:01
Lugo, 14 de marzo de 2026. A deputada do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, acompañada polos edís do BNG en Lugo Alexandre Penas e Cristina López, participaron unha semana máis na mobilización das usuarias e usuarios da residencia das Gándaras para reclamar unhas condicións de vida dignas e o respecto á súa intimidade persoal.
A deputada Olalla Rodil destacou que o BNG aposta por un modelo público, tanto na titularidade como na xestión das residencias "o obxectivo desta proposta do Bloque é humanizar os coidados nun sistema público, no que contemos con centros de menor tamaño e primando o benestar das persoas". Rodil explicou que o proxecto do BNG para as residencias conta con ferramentas para a supervisión do funcionamento e calidade do servizo con todo o tipo de información para que calquera cidadán teña acceso; é fundamental para garantir ás usuarias e usuarios os seus dereitos
Rodil afirmou que "as persoas residentes nas Gándaras teñen dereito a vivir con tranquilidade e respecto, nun entorno que lles garanta intimidade e calidade de vida, especialmente tratándose de persoas maiores ou con problemas de saúde e mobilidade". A deputada do BNG transmitiu ás persoas afectadas o apoio do BNG e afirmou que "é unha reclamación xusta, trasladaremos a problemática das e dos usuarios ao Parlamento para forzar ao goberno a modificar a reforma prevista no centro".
A deputada do BNG no Parlamento Galego lembrou que o BNG conseguiu o apoio unánime da cámara para abrir un espazo de diálogo coas usuarias/os da residencia das Gándaras a respecto das obras de remodelación previstas neste centro co obxectivo de escoitar as súas opinións e preferencias ao respecto.
As obras previstas pola Xunta de Galiza no centro van supoñer cambios que, segundo as usuarias, merman o seu dereito á intimidade e á privacidade, especialmente o das persoas que comparten habitación, que son a maioría. As Gándaras é un centro que comezou a funcionar en 1981, ten 45 anos e 218 prazas, das que 160 corresponden con habitacións son dobres. O proxecto de obra da Xunta non prevé construír máis habitacións individuais senón que as actuacións van encamiñadas a reorganizar os espazos, reducindo o espazo actual e deixando as camas separadas entre si só por unha mesiña de noite.