ARROXO REFERIUSE Á PUBLICACIÓN NO BOP DUN ANUNCIO “PARA ALGO TOTAL ABSTRACTO” SOBRE A REDACCIÓN DE 7 ORDENANZAS FUNDAMENTAIS DO CONCELLO
“O goberno ignora á oposición e menospreza a intelixencia da veciñanza de Lugo” dixo Rubén Arroxo
“A transparencia e a participación non consiste en poñer á disposición dos lucenses un correo electrónico para que opinen sobre algo que non existe” afirmou Arroxo
O voceiro nacionalista sinalou que “asistimos unha vez máis a un desprezo polo grupos políticos que conformamos a corporación municipal, xa que non nos convocaron para coñecer o noso posicionamento, nin se nos comunicou a intención de abordara a elaboración e modificación destas ordenanzas”. O anuncio publicado no BOP explicita que se trata dun proceso de caracter previo á elaboración do proxecto das seguintes ordenanzas:
- Ordenanza de Xestión e Uso de Hortos Urbáns
- Ordenanza de Protección contra a Contaminación Acústica
- Ordenanza de Licenzas e Comunicación previas
- Ordenanza Única de Actividades
- Ordenanza de Publicidade Exterior
- Ordenanza reguladora da igualdade e discriminación na publicidade exterior
- Regulamento de Participación Cidadá.
Para o BNG-AA “a falta de rigor do goberno municipal queda patente no feito de que separan en dous apartados relativos á Publicidade Exterior, aspectos que deben ir recollidos nunha única ordenanza. Ademais Rubén Arroxo significou que “hai sectores, como o hostaleiro, que se verán seriamente afectados por ordenanzas como a de Contaminación Acústica ou a de Publicidade Exterior na que haberá que contar con todos os axentes implicados”.
Arroxo criticou tamén o curto periodo de tempo que se facilita para facer achegas, que é de 15 hábiles, “non entendemos por que se limita este tipo de achegas xa que o proceso que se anuncia non é un prazo formal de alegacións”. Arroxo reclamou que se dea a debida publicidade “cando se vaia a iniciar un proceso serio de redacción” e lembrou que “algunha destas ordenanzas xa foron iniciadas por anteriores gobernos socialistas e quedaron paradas nun caixón como outras moitas cuestións neste concello”. Arroxo anunciou que o BNG – AA trasladará polos seus propios medios información aos colectivos afectados para que sexan coñecedores deste proceso de aparente participación.
Enlace BOP:
http://www.deputacionlugo.org/portal_localweb_ag/RecursosWeb/DOCUMENTOS/1/0_15140_1.pdf#page=7