A AGRUPACIÓN DARÁ HOXE O PRIMEIRO DOS 3 CONCERTOS ACOMPAÑADOS POR DOUS DOS NOMES MÁIS DESTACADOS DA NOVA ESCENA MUSICAL GALEGA: FAIA E DE NINGHURES
Maite Ferreiro: "Hoxe vai ser un día histórico, Lugo volverá escoitar a Fuxan os Ventos no auditorio ao que dan nome"
A agrupación dará hoxe o primeiro dos 3 concertos acompañados por dous dos nomes máis destacados da nova escena musical galega: Faia e De Ninghures
Ferreiro afirmou que "é un orgullo que Lugo teña sempre na memoria Fuxan os Ventos nun lugar tan destacado como un espazo cultural"
Lugo, 05 de xuño de 2025. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro destacou a importancia da xornada de hoxe, cando o grupo Fuxan os Ventos volve aos escenarios para dar un novo concerto no auditorio que leva o seu nome. "Hoxe volveremos escoitar as letras tradicionais das e dos nosos poetas, ademais das nosas cantigas, mesturadas con dous dos nomes máis relevantes da nova escena musical galega", afirmou Maite Ferreiro.
A edil de Cultura destacou que hoxe comezan "tres concertos de luxo" que permitirán a toda a veciñanza "desfrutar de máis de 50 anos de historia coa música de Fuxan os Ventos".
Maite Ferreiro agradeceu á agrupación o compromoso para realizar esta serie de concertos, e afirmou que como concelleira de Cultura traballa "para que Lugo sexa referente da música galega". Ferreiro destacou que os concertos de Fuxan os Ventos non só van ser unha celebración da traxectoria desta agrupación, senon que son "unha mostra da gran vitalidade da música galega ao ter as voces Faia e De Ninghures como representantes das novas agrupacións da nosa música".
Fuxan os Ventos, grupo fundado en 1972, foi unha das referencias máis importantes da música tradicional galega, cunha proposta que combinou compromiso social, recuperación do patrimonio oral e unha sonoridade que marcou época. Os concertos anunciados ofrecerán un repertorio coas súas cancións máis emblemáticas, ademais dalgunha sorpresa e colaboracións especiais.